segunda-feira, 21 de janeiro de 2013

Servando Trigo na lembranza


Tras a triste noticia do seu inesperado pasamento, o pasado sábado, 12 de xaneiro, despedíamos a Servando, veciño de Burela e quen foi durante moito tempo activo colaborador do noso colectivo.

Servando Trigo Carreiras, natural do Valadouro, instalouse en Burela sendo un rapaz, tras unha breve estancia en Barcelona. Foi por tanto, como moitos e moitas de nós, un burelao de adopción, que veu na procura de traballo e ficou aquí para sempre. Axiña comezou a traballar como carpinteiro e estando xa asentado na nosa vila, exerceu de “auténtico burelao”, participando activamente e colaborando con distintas entidades asociativas de tipo cultural e deportivo.

Unha das entidades nas que máis activamente participou foi na S.D. Burela, da que foi directivo durante varios anos. Era frecuente velo na billeteira do campo da Marosa, así como nos desprazamentos co equipo a outras localidades, a onde acudía frecuentemente como delegado. Como membro da directiva da S.D. Burela tamén formou parte da comisión de festas, axudando en todo canto podía.

Mais o seu traballo asociativo non se cinguiu exclusivamente á S.D. Burela. Colaborou tamén co Clube de Balonmán, especialmente nas primeiras festas do Monte Castelo, cando a festa era organizada polo equipo. Froito do seu gusto pola cociña, tamén participou en distintas actividades gastronómicas. Tanto asaba sardiñas na propia Romaría do Monte Castelo, como bonito na Festa do Bonito, organizada pola S.C.R. Ledicia, festa da que chegou a ser nomeado “Asador Maior”.

Outra das actividades nas que tamén se involucrou desinteresadamente foi no entroido local, especialmente no Enterro da Sardiña organizado polo C.C. Buril. A sardiña do propio enterro foi realizada desde o comezo, alá polos 80 e ata 2012 pola carpintaría O Campón, taller fundado por Servando e Urbano Bouza a mediados dos 80 e no que Servando traballou ata a súa xubilación hai só uns anos. Tanto os dous socios como os empregados do taller, non só se involucraban na construción e decoración da sardiña, senón que tamén participaban na comitiva que acompañaba á “defunta sardiña” pola rúas de Burela, como membros da “corporación municipal”. No vídeo documental “O Entroido na Memoria”, realizado polo Buril en 2001 e dixitalizado o pasado ano, podemos velos na mencionada comitiva.

Estas son algunhas das actividades máis destacadas nas que participou, mais con certeza que participou en moitas outras das que non temos coñecemento. Desde o Buril, queremos con esta breve lembranza facer unha humilde e sentida homenaxe a Servando, aínda que a verdadeira homenaxe, a que el merece, faise no día a día, dando continuidade ao traballo asociativo ao que el dedicou tanto esforzo e dedicación. Servando é todo un exemplo para o asociacionismo de base e no Buril tentaremos seguir o guieiro que el e moitos e moitas outras encetaron hai xa uns anos na nosa vila.

En Burela, a 18 de xaneiro de 2012.

Xunta Rexedora do C.C. Buril

Sem comentários: