terça-feira, 3 de dezembro de 2013
quinta-feira, 17 de outubro de 2013
Do Miolo & Cia. en Burela este venres.
O próximo venres 18 de Outubro terá lugar a representación teatral da obra "Non son D'acó (nin D'acolá)" da compañía Do Miolo & Cía, enmarcada dentro do Circuito Buxiganga e que dará fin ao programa de Teatro de Outono do Buril.
A obra representarase o venres 18 de Outubro ás 21:30 no Auditorio da Casa da Cultura de Burela. A entrada será de balde para as persoas asociadas ao colectivo Buril e para os menores de 14 anos, e de 2€ para o resto o das persoas.
A obra sitúanos en Pena da Moura, desolada terra que vén ser a herdanza de Lola, que leva vinte anos en Bos Aires levando, morriñenta, o quiosco que montaran os seus defuntos pais, á porta do estadio de Boca Juniors, e tocando o contrabaixo nun grupo de Tango. Coa escusa de amañar os papeis da súa herdanza, Lola convence os seus amigos para vir a Galiza a gravar un disco. Son recibidos por Julita, curmá de Lola e actual parella do home que, vinte anos atrás, lle xurou amor a Lola. A crueza do recibimento, as peripecias que lles acontecen por mor do interese que ela ten por marcharen canto antes, as diferentes expectativas de cada unha das personaxes e a tensión que isto provoca, entre os catro amigos, converte a súa amizade e, a eles mesmos, en personaxes dun tango…, talvez aquel que foi un dos seus primeiros éxitos nos anos 90.
sexta-feira, 27 de setembro de 2013
XIV Xornadas de Teatro
O Colectivo Cultural Buril organiza as XIV
Xornadas de Teatro, que terán lugar en Burela, do 3 ao 6 de outubro.
As Xornadas de Teatro de Burela foron
organizadas polo Buril entre os anos 1986 e 1998, chegando a ser un dos
referentes no panorama teatral galego do momento. Despois de varios anos de
interrupción, as Xornadas eran recuperadas o ano pasado, coa vontade de dar
continuidade a unha das actividades do colectivo que contaron con maior
resposta de público en Burela. Por outra banda, as Xornadas de Teatro, tamén
queren cobrir un baleiro que a día de hoxe existe na programación cultural,
entendendo que deben ser os colectivos de base os que funcionen como motor na
promoción e difusión da cultura galega en calquera dos seus ámbitos e
manifestacións.
As XIV Xornadas de Teatro incrementan un día a
súa programación con respecto á edición do pasado ano. Mofa & Befa, Cándido
Pazó, Fantoches Baj e o grupo teatral do Colectivo Ollomao serán as catro
compañías que pasarán pola Casa da Cultura de Burela entre o 3 e o 6 do próximo
mes de outubro, onde terán cabida tanto o teatro profesional para público
adulto e público infantil, como o teatro afeccionado para todo tipo de público.
As entradas terán un prezo de entre os 3 e 6 €, sendo gratuítas para socios e
socias do Buril e menores de 14 anos. O sábado haberá unha sesión teatral
infantil para nenos e nenas de 4 a 12 anos con entrada de balde.
Programa
das XIV Xornadas de Teatro
Xoves 3, ás 21:30 h.
Sempre ao Lonxe. Mofa &
Befa.
Entrada: 6 €
Venres 4, ás 21:30 h.
As do Peixe. Cándido Pazó.
Entrada: 6 €
Sábado 5, ás 18:00 horas.
RodariRodari. Fantoches Baj.
Contacontos musical infantil. Entrada de balde
Domingo 6, ás 20:00 horas.
Os vellos non deben de namorarse. Ollomao
Entrada: 3 €
*BONO 4 días: 12 € * Soci@s Buril: entrada de balde
SINOPSE
E FICHA ARTÍSTICA DAS OBRAS
SEMPRE
AO LONXE ou a decadencia étnica
Mofa & Befa
Xoves 3, ás 21:30 h.
Nos últimos 15 anos a ciencia
impugnou para sempre a idea ou preconceito do século XIX que afirmaba que os
seres humanos pertencemos a razas diferentes. A falta de sensibilidade destes
científicos que destruiu as ilusións raciais de millóns de persoas que se crian
superiores, inferiores ou simplesmente distintas de outras. A superstición
racial é unha parte fundamental da nosa cultura, á mesma altura que a
superstición amorosa ou relixiosa. A crenza na existencia das razas ten
provocado algunha guerra, o turismo sexual, as ONGs, os tablaos flamencos, as
casas de fados, o apartheid, os filmes de Fu-man-chu, o samba, a pintura de
Gauguin, as misións, e obras imortais da literatura como Othello ou “As
tribulacións dun chinés na China”... O desencriptado do mapa xenético humano
mandou ao caixón das lembranzas todo isto. MOFA&BEFA,
sempre atentos ás necesidades espirituais do seu público, decidiu meterlle o
dente a esta suculenta cuestión. SEMPRE AO LONXE é
o título do espectáculo resultante. Un título cheo de saudade que nos suxire,
por un lado, a imposibilidade de estar no sitio certo no momento certo; e por
outro lado, a cautelosa distancia desde a que acostumamos a observar aos que
cremos diferentes de nós.
Ficha
artística:
·
ACTORES: Evaristo
Calvo, Víctor Mosqueira, Piti Sanz
·
AUTORES: Quico
Cadaval, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Piti Sanz.
·
ESCENOGRAFÍA: Mofa
e Befa
·
DESEÑO DE LUZ:
Octavio Más
·
MÚSICA ORIXINAL:
Piti Sanz
·
DIRECCIÓN: Quico
Cadaval
As do Peixe
Cándido
Pazó
Venres
4, ás 21:30 h.
Un espectáculo que honra a
memoria das traballadoras da conserva
AS
DO PEIXE son as traballadoras da
conserva. A man de obra barata dunha industria que, ao longo do tempo e da
xeografía, acabou por facer parte da paisaxe emocional do noso país.
AS
DO PEIXE son catro actrices que,
encarnando catro mulleres concretas, representan miles de anónimas
traballadoras: as súas humildes historias, as súas vidas comúns, as súas
íntimas arelas, os seus modestos soños, as súas pequenas frustracións.
A súa memoria colectiva.
AS
DO PEIXE é un
espectáculo sentido, bulideiro, divertido, intenso, directo, reflexivo, fresco,
reivindicativo... porque así eran aquelas mulleres.
Catro mulleres, ex-traballadoras dunha
desaparecida fábrica de conservas, acoden a un “taller da memoria” e, ao tempo
que reconstrúen parte da súa experiencia laboral, rememoran pasaxes da súa vida
persoal e familiar, comentan aspectos da actualidade e expresan as súas
ilusións ou desconfianzas no futuro.
Ficha artística:
·
Texto: Cándido Pazó
·
Dirección: Cristina Domínguez
da Pena
·
Actrices: Casilda Alfaro,
Mónica Camaño, Susana Dans, Rocío González
RodariRodari
Fantoches Baj
Sábado 5, ás 18:00 h.
RodariRodari (Contos do
tranvía) é un espectáculo de
narración oral, con acompañamento musical, no que empregamos o conto
tradicional, a tradición dos contos de Gianni Rodari, e os monicreques para,
partindo da domesticación de un animal como o burro, chegar ó uso ou abuso das
novas tecnoloxías.
O
tranvía de Marín, baseándonos, sobre todo, na descrición humorística que do
mentado tranvía fixo Castelao, serviranos como medio de transporte do
espectáculo.
O
tema da xogo para introducir cancións tradicionais como a do Trole, nas que o
músico Carlos Quintá, irá acompañándo co seu acordeón diatónico, e o narrador
Inacio Vilariño xogará coas onomatopeias producidas polo
funcionamento das máquinas, ao mesmo tempo que se acompañan coa melodía
producida maquinalmente por unha caixa de música.
Finalmente péchase o circulo coas novas
tecnoloxías e como mal usadas acabarán converténdonos en burros.
Ficha artística:
· Narración: Inacio Vilariño
· Música: Carlos Quintá
·
Autor:
Inacio Vilariño
Os
vellos non deben de namorarse
Colectivo Ollomao
Domingo 6, ás 20:00 h.
Este recentemente creado grupo de teatro presenta
unha montaxe do clásico de Castelao renovada nas formas, mais mantendo a
literalidade do texto do autor de Rianxo.
A obra está dividida en tres lances e
un epílogo nos que presenciamos as historias de tres vellos que están dispostos
a entregar todo a cambio do falso amor dunhas mozas que, por iniciativa propia
ou a instancia de pais ou parellas, se converten en moeda de cambio para buscar
a felicidade dos seus. As mulleres como harpías, como mentes calculadoras, coma
mercadorías polas que uns pobres vellos dan ata a vida en busca de non máis que
un desexado e idílico amor. Os vellos namoradizos, inocentes, dispostos a todo
por gozar da xuventude dunha muller ao seu lado que os encha de felicidade
mentras eles lles enchen os petos. Tres vellotes namoriqueiros que nos provocan
a risa cos seus namoramentos sero- dios. Vellos que pescudan con eses
namoramentos unha nova mocidade. E coa nova mocidade a vida imperecedeira no
tempo que mata. Os vellos ao se namoraren cóidanse inmorrentes. Isto fainos
dignos de simpatía e compaixón a pesares dos seus desvaríos e excesos. Os
vellos ao se namoraren tórnanse aínda máis velliños e morren. É o que compre.
En- ganados, ridículos e parvos merecen o noso respecto. Estes petrucios
desorbitados encarnan ao seu xeito o antigo misterio da renacencia.
Ficha
artística:
·
REPARTO: Enrique Penabad,
Noelia López, Faustino González, Paz Ermida, María Pilar Goas, María Díaz,
Sandra Novo, Roberto Casas, Aurora Iglesias, Ana Ermida, Tamara Rubiños,
Antonio García, Juan Rodríguez, Pepita Bermúdez, Xosé Friol, César Franco,
Noela Fernández, Belén Fernández, Sara Ratoeira, Jorge David Vázquez, Marisa
Freire, Ramón Ángel Ares, Xoán M. Díaz, Benito Pérez.
·
MÚSICA: Tumba e Dalle
·
DIRECCIÓN: Comba Campoy e Ramón
Casas
terça-feira, 24 de setembro de 2013
Billarda e teatro para o 28 e 29 de setembro
O Colectivo Buril finaliza un intenso mes de setembro no que tiveron lugar as III Xornadas de Historia Local e un concerto solidario pola Sanidade Pública. O próximo fin de semana haberá sesión dupla, con actividades programadas tanto para o sábado como para o domingo, pechando a programación de verán e dando xa entrada á programación teatral de outono.
O
sábado 28 terá lugar o tradicional Aberto do Bonito, torneo de billarda do que
se celebra a súa quinta edición. O Aberto, proba puntuable para a Liga Nacional
de Billarda (LNB), terá lugar a partir das 16:00 horas na explanda do Porto de
Burela. As persoas interesadas en participar poderán anotarse previamente no
enderezo ccburil@gmail.com ou ben poderán
facelo o mesmo día presentándose no lugar do torneo entre as 16:00 e 16:15 h. Haberá trofeos para as persoas participantes e un bonito fresco para o gañador
ou gañadora deste V Aberto do Bonito. Ao
finalizar o Aberto, terá lugar un concerto no Centro Social Xebra (antigo bar A
Figueira) a cargo dos grupos Komandante
e Ex Tensión Agraria, e proxectarase o
audiovisual De Burela a Cabo Verde (O Grande Estalo).
Xa
na xornada do domingo, dará comezo a programación teatral do Buril para este
outono, coa compañía Alentía Teatro, de Palas de Rei, que porá en escena a peza
teatral Lambetadas de Fantasía, ás
18:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Esta función forma parte do
Circuíto Buxiganga 2013, vai dirixida a un público infantil e familiar e terá
entrada gratuíta.
Na primeira semana de outubro desenvolveranse as XIV Xornadas Teatrais do Buril, que terán lugar os días 3, 4, 5 e 6 de outubro e que serán apresentadas aos medios nos próximos días. Para rematar, o día 18 de outubro, pecharase este ciclo teatral de outono organizado polo Buril, da man da compañía Do Miolo e Cía., coa obra Non son D’acó (nin D’acolá), tamén dentro do proxecto teatral Buxiganga.
Na primeira semana de outubro desenvolveranse as XIV Xornadas Teatrais do Buril, que terán lugar os días 3, 4, 5 e 6 de outubro e que serán apresentadas aos medios nos próximos días. Para rematar, o día 18 de outubro, pecharase este ciclo teatral de outono organizado polo Buril, da man da compañía Do Miolo e Cía., coa obra Non son D’acó (nin D’acolá), tamén dentro do proxecto teatral Buxiganga.
Alentía Teatro
Palas de Rei
ALENTÍA TEATRO naceu no ano
2005, co obxectivo principal de achegarlles o teatro a todos os públicos a
través dunha perspectiva lúdica e didáctica.
Para captar a súa atención,
trátanse temas próximos á súa realidade cotiá desde unha perspectiva cómica e
crítica como, por exemplo, as posibilidades da internet; o uso responsable dos
móbiles; ipods; a problemática das relacións sentimentais; o machismo; o mundo
dos discapacitados; a agresividade lingüística e a violencia na mocidade; a
influencia nas novas xeracións dos medios de comunicación... Toda esta temática
enfócase dun xeito interactivo, pois en moitos momentos da función a activa
participación do público converterao en protagonista e provocará momentos de
catarse colectiva.
Nestes cinco anos de
existencia, ALENTÍA TEATRO presentou os seus espectáculos nun amplo número de
escenarios da xeografía galega e visitou os de varias comunidades autónomas,
convidados por outras asociacións e colectivos. Achegouse, tamén, ao público
doutros países en colaboración con ONGs como Meniños e Solidariedade
Internacional ou Amarante.
Lambetadas de fantasía (público infantil e familiar)
Sinopse
Espectáculo conformado por
cinco historias plenas de fantasía, creatividade, sorpresas, personaxes de
contos, series de debuxos animados, humor...
A través dunha viaxe polo
universo literario dos contos, os protagonistas desta historia atoparanse con
dragóns, meigas, faraóns, trolls e outros moitos seres fantásticos creados polo
público asistente á peza, a través de exercicios de improvisación.
En Lambetadas de fantasía, deféndese tamén o xogo como medio
útil de enfrontar realidades adversas; como método de aprendizaxe e como
carreiro para medrar rodeado dun universo de harmonía, ledicia e benestar. Esta
obra teatral nace, na súa maior parte do traballo, cos nenos e as nenas do
Orfanato de Amantan de Cuzco (Perú).
Unha peza que traballa valores como a
solidariedade, o compañeirismo, o respecto polo medio ambiente, a cultura da
paz, etc. Todo isto será realizado sempre baixo un prisma cómico e reflexivo.
Subscrever:
Mensagens (Atom)