quinta-feira, 25 de outubro de 2012

Nostrum Cai Teatro apresenta Radio Universo

A próxima fin de semana chega ao seu fin a programación teatral de outono organizada polo Colectivo Cultural Buril. A cita teatral terá lugar o sábado 27 de outubro ás 20h no Auditorio da Casa de Cultura de Burela co espectáculo "Radio Universo" representado por Nostrum Cai Teatro.



A compañía Nostrum Cai tén unha traxectoria de máis de dez anos no panorama teatral galego e tén realizado numerosos espectáculos de danza e teatro. A compañía está formada por seis intérpretes baixo a dirección de Lola Fernández."Radio Universo" é un guión de teatro radiofónico creado polo Grupo Chévere e adaptada para a representación por Nostrum Cai Teatro.                                             

Sinopse de "Radio Universo"
Século XXV. Galicia é o único país do planeta onde os niveis de clonación alcanzan a perfección máis alá do clon número 200 da mesma persoa. A industria da clonación creceu arredor dos experimentos realizados na figura do Primeiro Presidente. Unha estirpe de clons do Primeiro gobernan o país dende o século XXI. Mentres se resolvían os últimos casos do moco de pavo nas granxas de Cloren, comezou a tomar forma un novo perigo: a morriña, enfermidade que ataca fatalmente aos galegos dentro da súa propia terra. Ante tal situación CLONTINENTE, a empresa creada polo Primeiro Presidente, anuncia un plan de choque para solucionar o problema, O PLAN LEDICIA: “enviaremos unha misión tripulada a bordo do cruceiro interestelar LALÍN 2000 para demostrar que o universo é curvo”.
RADIO UNIVERSO, a emisora galega no espacio exterior, con MariCastaña e SuperCarballeira, é a encargada de facer o seguimento da travesía do Cruceiro Interestelar.

A representación desta obra enmárcase dentro do programa Buxiganga, organizado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que busca promover o teatro a nivel municipal e dar pulo aos pequenos grupos teatrais.

segunda-feira, 1 de outubro de 2012

XIII XORNADAS DE TEATRO






iLalelo. Carlos Blanco & Budiño DJ

Humor2.0
Retranca para o séculoXXI
Os monólogos de CARLOS BLANCO atopan acubillo e transfórmanse en hip-hop hipnótico nas bases de BUDiÑO DJ
Dúas figuras da escena galega UNEN AS SUAS FORZAS!!

iLalelo!

Falando de redes sociais...
de redeiras cibernéticas,
De poemas imposibles.
Facendo participar ao público de salas e festas.
Con risas garantidas polo humor intelixente de CARLOS BLANCO.
Coa calidade musical de BUDIÑO DJ
(aportando tamén a súa música en directo).

iLalelo!

Un espectáculo chamado a mover masas.
A exportar o Galicia Calidade polo mundo.
Un show diferente a todos.
Fresco, valente, vivo...

Para non perdelo!

iLalelo!

Porque estamos no mundo....

iLalelo - carlos blanco & budiño Dj
facebook/ilalelotour


CHEBRÉVERE. O bo se breve dúas veces chévere

En escea: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron. Músicos ao vivo: Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián

No 2012 o grupo de teatro Chévere cumpre 25 anos de actividade escénica. En tal data a compañía non podía deixar de visitar Burela, pois esta vila foi unha das primeiras en confiar no seu talante teatral e aquí atoparon un dos seus primeiros públicos cómplices. Foi no desaparecido Cine Mon, alá polo final dos anos oitenta, convidados polo C.C. Buril, cando Chévere presentou a súa versión escénica dos míticos superheroes, "O mal non acouga". Un título premonitorio do que sería a historia de Galiza e, por extensión, do resto do mundo nestas últimas dúas décadas. Tempo no que os Chévere tiveron que aprender a facer teatro de verdade para subsistir. Mellor ou peor, o feito é que chegaron ata aquí mantendo a súa independencia, deixando no camiño decenas de espectáculos, centos de actuacións e nada menos que 20 anos de actividade na Sala Nasa. Como nunha pequena festa de cumpreanos e como agasallo da compañía a todo o público de Burela e da Mariña, Chévere ofrecerá unha escolma de pezas breves extraíadas do seu repertorio clásico e recente. Sketches, cancións, personaxes e historias feitas a pé de escenario que retratan o xeito de entender o humor, o amor e os odios destes cómicos incansables que son os Chévere.


Vacacións no mar

Vacacións no Mar é un espectáculo de títeres de luva, no que se conxuga o tradicional estilo da cachiporra, tan eficaz dramáticamente, cuns caracteres e uns aconteceres renovados para o público de hoxe en día.

Tanto as escenografías como os mecanismos e os bonecos son pezas únicas, deseñados e creados no obradoiro artesán de Mircromina. Este espírito artesanal chega ata a música do espectáculo: parte dela foi creada específicamente para o espectáculo por Falsario, artista que traballa en exclusiva para a Compañía; en canto ó resto, é unha selección de músicas libres, orixinais de Rymsky-Korsakov unhas e temas populares interpretados pola formación lucense Kivitka as demáis.

Deste xeito, cun sinxelo e eficaz guión, unhas personaxes de marcadas personalidades e un ritmo trepidante, Mircromina fai a sua contribución á renovación deste xénero dramático e ó desfrute das almas nenas.

Sinopse
A Mariña encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega a porto no seu veleiro “Ovos con patacas”... pero nun descuido o pirata Ollo Virollo toma prestada a nave e faise ao mar. Tras 45 min de acción ¿Cumprirá Mariña o seu soño de dar a volta ao planeta?

Xénero: 
 Comedia
Autor:
 Ton Arenas
Dirección:
 Ton Arenas y Zoila Gulín
Música:
Rymsky-Korsakov, Kivitka e Notton Falsario
Deseño e construción:
 Ton Arenas
Público:
 Familiar
Duración:
 45 min.