quinta-feira, 25 de outubro de 2012

Nostrum Cai Teatro apresenta Radio Universo

A próxima fin de semana chega ao seu fin a programación teatral de outono organizada polo Colectivo Cultural Buril. A cita teatral terá lugar o sábado 27 de outubro ás 20h no Auditorio da Casa de Cultura de Burela co espectáculo "Radio Universo" representado por Nostrum Cai Teatro.



A compañía Nostrum Cai tén unha traxectoria de máis de dez anos no panorama teatral galego e tén realizado numerosos espectáculos de danza e teatro. A compañía está formada por seis intérpretes baixo a dirección de Lola Fernández."Radio Universo" é un guión de teatro radiofónico creado polo Grupo Chévere e adaptada para a representación por Nostrum Cai Teatro.                                             

Sinopse de "Radio Universo"
Século XXV. Galicia é o único país do planeta onde os niveis de clonación alcanzan a perfección máis alá do clon número 200 da mesma persoa. A industria da clonación creceu arredor dos experimentos realizados na figura do Primeiro Presidente. Unha estirpe de clons do Primeiro gobernan o país dende o século XXI. Mentres se resolvían os últimos casos do moco de pavo nas granxas de Cloren, comezou a tomar forma un novo perigo: a morriña, enfermidade que ataca fatalmente aos galegos dentro da súa propia terra. Ante tal situación CLONTINENTE, a empresa creada polo Primeiro Presidente, anuncia un plan de choque para solucionar o problema, O PLAN LEDICIA: “enviaremos unha misión tripulada a bordo do cruceiro interestelar LALÍN 2000 para demostrar que o universo é curvo”.
RADIO UNIVERSO, a emisora galega no espacio exterior, con MariCastaña e SuperCarballeira, é a encargada de facer o seguimento da travesía do Cruceiro Interestelar.

A representación desta obra enmárcase dentro do programa Buxiganga, organizado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que busca promover o teatro a nivel municipal e dar pulo aos pequenos grupos teatrais.

Sem comentários: