Mostrar mensagens com a etiqueta mofa & befa. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta mofa & befa. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 27 de setembro de 2013

XIV Xornadas de Teatro



O Colectivo Cultural Buril organiza as XIV Xornadas de Teatro, que terán lugar en Burela, do 3 ao 6 de outubro.
As Xornadas de Teatro de Burela foron organizadas polo Buril entre os anos 1986 e 1998, chegando a ser un dos referentes no panorama teatral galego do momento. Despois de varios anos de interrupción, as Xornadas eran recuperadas o ano pasado, coa vontade de dar continuidade a unha das actividades do colectivo que contaron con maior resposta de público en Burela. Por outra banda, as Xornadas de Teatro, tamén queren cobrir un baleiro que a día de hoxe existe na programación cultural, entendendo que deben ser os colectivos de base os que funcionen como motor na promoción e difusión da cultura galega en calquera dos seus ámbitos e manifestacións.
As XIV Xornadas de Teatro incrementan un día a súa programación con respecto á edición do pasado ano. Mofa & Befa, Cándido Pazó, Fantoches Baj e o grupo teatral do Colectivo Ollomao serán as catro compañías que pasarán pola Casa da Cultura de Burela entre o 3 e o 6 do próximo mes de outubro, onde terán cabida tanto o teatro profesional para público adulto e público infantil, como o teatro afeccionado para todo tipo de público. As entradas terán un prezo de entre os 3 e 6 €, sendo gratuítas para socios e socias do Buril e menores de 14 anos. O sábado haberá unha sesión teatral infantil para nenos e nenas de 4 a 12 anos con entrada de balde.


Programa das XIV Xornadas de Teatro

Xoves 3, ás 21:30 h.
Sempre ao Lonxe. Mofa & Befa.
Entrada: 6 €
Venres 4, ás 21:30 h.
As do Peixe. Cándido Pazó.
Entrada: 6 €
Sábado 5, ás 18:00 horas.
RodariRodari. Fantoches Baj.
Contacontos musical infantil. Entrada de balde
Domingo 6, ás 20:00 horas.
Os vellos non deben de namorarse. Ollomao
Entrada: 3 €
*BONO 4 días: 12 €       * Soci@s Buril: entrada de balde

SINOPSE E FICHA ARTÍSTICA DAS OBRAS

SEMPRE AO LONXE ou a decadencia étnica
Mofa & Befa
Xoves 3, ás 21:30 h.

Nos últimos 15 anos a ciencia impugnou para sempre a idea ou preconceito do século XIX que afirmaba que os seres humanos pertencemos a razas diferentes. A falta de sensibilidade destes científicos que destruiu as ilusións raciais de millóns de persoas que se crian superiores, inferiores ou simplesmente distintas de outras. A superstición racial é unha parte fundamental da nosa cultura, á mesma altura que a superstición amorosa ou relixiosa. A crenza na existencia das razas ten provocado algunha guerra, o turismo sexual, as ONGs, os tablaos flamencos, as casas de fados, o apartheid, os filmes de Fu-man-chu, o samba, a pintura de Gauguin, as misións, e obras imortais da literatura como Othello ou “As tribulacións dun chinés na China”... O desencriptado do mapa xenético humano mandou ao caixón das lembranzas todo isto. MOFA&BEFA, sempre atentos ás necesidades espirituais do seu público, decidiu meterlle o dente a esta suculenta cuestión. SEMPRE AO LONXE é o título do espectáculo resultante. Un título cheo de saudade que nos suxire, por un lado, a imposibilidade de estar no sitio certo no momento certo; e por outro lado, a cautelosa distancia desde a que acostumamos a observar aos que cremos diferentes de nós.

Ficha artística:
·       ACTORES: Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Piti Sanz
·       AUTORES: Quico Cadaval, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Piti Sanz.
·       ESCENOGRAFÍA: Mofa e Befa

·       DESEÑO DE LUZ: Octavio Más

·       MÚSICA ORIXINAL: Piti Sanz
·       DIRECCIÓN: Quico Cadaval

As do Peixe
Cándido Pazó
Venres 4, ás 21:30 h.

Un espectáculo que honra a memoria das traballadoras da conserva

AS DO PEIXE son as traballadoras da conserva. A man de obra barata dunha industria que, ao longo do tempo e da xeografía, acabou por facer parte da paisaxe emocional do noso país.
AS DO PEIXE son catro actrices que, encarnando catro mulleres concretas, representan miles de anónimas traballadoras: as súas humildes historias, as súas vidas comúns, as súas íntimas arelas, os seus modestos soños, as súas pequenas frustracións. A súa memoria colectiva.
AS DO PEIXE é un espectáculo sentido, bulideiro, divertido, intenso, directo, reflexivo, fresco, reivindicativo... porque así eran aquelas mulleres.
Catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, acoden a un “taller da memoria” e, ao tempo que reconstrúen parte da súa experiencia laboral, rememoran pasaxes da súa vida persoal e familiar, comentan aspectos da actualidade e expresan as súas ilusións ou desconfianzas no futuro.
Ficha artística:
·       Texto: Cándido Pazó
·       Dirección: Cristina Domínguez da Pena
·       Actrices: Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans, Rocío González


RodariRodari
Fantoches Baj
Sábado 5, ás 18:00 h.

RodariRodari (Contos do tranvía) é un espectáculo de narración oral, con acompañamento musical, no que empregamos o conto tradicional, a tradición dos contos de Gianni Rodari, e os monicreques para, partindo da domesticación de un animal como o burro, chegar ó uso ou abuso das novas tecnoloxías.

O tranvía de Marín, baseándonos, sobre todo, na descrición humorística que do mentado tranvía fixo Castelao, serviranos como medio de transporte do espectáculo.

O tema da xogo para introducir cancións tradicionais como a do Trole, nas que o músico Carlos Quintá, irá acompañándo co seu acordeón diatónico, e o narrador Inacio Vilariño   xogará coas onomatopeias producidas polo funcionamento das máquinas, ao mesmo tempo que se acompañan coa melodía producida maquinalmente por unha caixa de música.

Finalmente  péchase o circulo coas novas tecnoloxías e como mal usadas acabarán converténdonos en burros.

Ficha artística:

·       Narración: Inacio Vilariño
·       Música: Carlos Quintá

·       Autor: Inacio Vilariño
  
Os vellos non deben de namorarse
Colectivo Ollomao
Domingo 6, ás 20:00 h.

Este recentemente creado grupo de teatro presenta unha montaxe do clásico de Castelao renovada nas formas, mais mantendo a literalidade do texto do autor de Rianxo.
A obra está dividida en tres lances e un epílogo nos que presenciamos as historias de tres vellos que están dispostos a entregar todo a cambio do falso amor dunhas mozas que, por iniciativa propia ou a instancia de pais ou parellas, se converten en moeda de cambio para buscar a felicidade dos seus. As mulleres como harpías, como mentes calculadoras, coma mercadorías polas que uns pobres vellos dan ata a vida en busca de non máis que un desexado e idílico amor. Os vellos namoradizos, inocentes, dispostos a todo por gozar da xuventude dunha muller ao seu lado que os encha de felicidade mentras eles lles enchen os petos. Tres vellotes namoriqueiros que nos provocan a risa cos seus namoramentos sero- dios. Vellos que pescudan con eses namoramentos unha nova mocidade. E coa nova mocidade a vida imperecedeira no tempo que mata. Os vellos ao se namoraren cóidanse inmorrentes. Isto fainos dignos de simpatía e compaixón a pesares dos seus desvaríos e excesos. Os vellos ao se namoraren tórnanse aínda máis velliños e morren. É o que compre. En- ganados, ridículos e parvos merecen o noso respecto. Estes petrucios desorbitados encarnan ao seu xeito o antigo misterio da renacencia.
Ficha artística:
·       REPARTO: Enrique Penabad, Noelia López, Faustino González, Paz Ermida, María Pilar Goas, María Díaz, Sandra Novo, Roberto Casas, Aurora Iglesias, Ana Ermida, Tamara Rubiños, Antonio García, Juan Rodríguez, Pepita Bermúdez, Xosé Friol, César Franco, Noela Fernández, Belén Fernández, Sara Ratoeira, Jorge David Vázquez, Marisa Freire, Ramón Ángel Ares, Xoán M. Díaz, Benito Pérez.
·       MÚSICA: Tumba e Dalle
·       DIRECCIÓN: Comba Campoy e Ramón Casas