terça-feira, 24 de setembro de 2013

Billarda e teatro para o 28 e 29 de setembro





O Colectivo Buril finaliza un intenso mes de setembro no que tiveron lugar as III Xornadas de Historia Local e un concerto solidario pola Sanidade Pública. O próximo fin de semana haberá sesión dupla, con actividades programadas tanto para o sábado como para o domingo, pechando a programación de verán e dando xa entrada á programación teatral de outono.
O sábado 28 terá lugar o tradicional Aberto do Bonito, torneo de billarda do que se celebra a súa quinta edición. O Aberto, proba puntuable para a Liga Nacional de Billarda (LNB), terá lugar a partir das 16:00 horas na explanda do Porto de Burela. As persoas interesadas en participar poderán anotarse previamente no enderezo ccburil@gmail.com ou ben poderán facelo o mesmo día presentándose no lugar do torneo entre as 16:00 e 16:15 h. Haberá trofeos para as persoas participantes e un bonito fresco para o gañador ou gañadora deste V Aberto do Bonito. Ao finalizar o Aberto, terá lugar un concerto no Centro Social Xebra (antigo bar A Figueira) a cargo dos grupos Komandante e Ex Tensión Agraria, e proxectarase o audiovisual De Burela a Cabo Verde (O Grande Estalo).
Xa na xornada do domingo, dará comezo a programación teatral do Buril para este outono, coa compañía Alentía Teatro, de Palas de Rei, que porá en escena a peza teatral Lambetadas de Fantasía, ás 18:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Esta función forma parte do Circuíto Buxiganga 2013, vai dirixida a un público infantil e familiar e terá entrada gratuíta.

Na primeira semana de outubro desenvolveranse as XIV Xornadas Teatrais do Buril, que terán lugar os días 3, 4, 5 e 6 de outubro e que serán apresentadas aos medios nos próximos días. Para rematar, o día 18 de outubro, pecharase este ciclo teatral de outono organizado polo Buril, da man da compañía Do Miolo e Cía., coa obra Non son D’acó (nin D’acolá), tamén dentro do proxecto teatral Buxiganga.


Alentía Teatro
Palas de Rei
ALENTÍA TEATRO naceu no ano 2005, co obxectivo principal de achegarlles o teatro a todos os públicos a través dunha perspectiva lúdica e didáctica.
Para captar a súa atención, trátanse temas próximos á súa realidade cotiá desde unha perspectiva cómica e crítica como, por exemplo, as posibilidades da internet; o uso responsable dos móbiles; ipods; a problemática das relacións sentimentais; o machismo; o mundo dos discapacitados; a agresividade lingüística e a violencia na mocidade; a influencia nas novas xeracións dos medios de comunicación... Toda esta temática enfócase dun xeito interactivo, pois en moitos momentos da función a activa participación do público converterao en protagonista e provocará momentos de catarse colectiva.
Nestes cinco anos de existencia, ALENTÍA TEATRO presentou os seus espectáculos nun amplo número de escenarios da xeografía galega e visitou os de varias comunidades autónomas, convidados por outras asociacións e colectivos. Achegouse, tamén, ao público doutros países en colaboración con ONGs como Meniños e Solidariedade Internacional ou Amarante.
Lambetadas de fantasía (público infantil e familiar)
Sinopse
Espectáculo conformado por cinco historias plenas de fantasía, creatividade, sorpresas, personaxes de contos, series de debuxos animados, humor...
A través dunha viaxe polo universo literario dos contos, os protagonistas desta historia atoparanse con dragóns, meigas, faraóns, trolls e outros moitos seres fantásticos creados polo público asistente á peza, a través de exercicios de improvisación.
En Lambetadas de fantasía, deféndese tamén o xogo como medio útil de enfrontar realidades adversas; como método de aprendizaxe e como carreiro para medrar rodeado dun universo de harmonía, ledicia e benestar. Esta obra teatral nace, na súa maior parte do traballo, cos nenos e as nenas do Orfanato de Amantan de Cuzco (Perú).
Unha peza que traballa valores como a solidariedade, o compañeirismo, o respecto polo medio ambiente, a cultura da paz, etc. Todo isto será realizado sempre baixo un prisma cómico e reflexivo. 



Sem comentários: