Os vindeiros 12, 13 e 14 de setembro terán lugar en Burela as III
Xornadas de Historia Local. O Colectivo Cultural Buril aposta por consolidar
esta cita anual en torno á historia local que nacía en 2011 e que se ven
celebrando desde entón de forma continuada. Estas xornadas constitúen unha
oportunidade non só para coñecer aspectos destacados no decorrer da historia
local, senón que tamén estimulan a realización de estudos e traballos de investigación
sobre a nosa historia.
O estudo, difusión e posta en valor da historia de Burela han de servir
para preservar a memoria da nosa vila e situármonos no contexto histórico,
social e cultural da Galiza, pois non se pode entender a historia local como un
todo uniforme e autónomo, isolado do seu entorno máis próximo e da realidade
que constituímos como Pobo. Neste sentido, existe unha clara vontade por rachar
con localismos estériles que asentan na exaltación do propio fronte ao alleo, procurando
resaltar aspectos que destacan precisamente por ser comúns a outras entidades
ou ben aqueles que teñen valor como obxecto de estudo por si propios.
Por outra banda, as xornadas tamén desenvolven unha importante función
social, pois conseguen achegar o mundo da historia a moitos veciños e veciñas,
rompendo deste xeito coa erudición na que a maioría das veces se desenvolven
este tipo de estudos, facilitando o coñecemento da historia xeral a través da
historia máis próxima a nós.
PROGRAMA DAS III XORNADAS DE HISTORIA LOCAL DE BURELA.
Cantares
de cego e música popular na tradición oral. Mini e Mero
Xoves, 12 de setembro, ás 20:30 horas no Salón de Conferencias
As Xornadas darán comezo cunha palestra-concerto a cargo de Xosé Luís
Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio, coñecidos popularmente como Mini e Mero,
músicos, poetas e mestres investigadores do folklore e a cultura tradicionais
galegos, membros fundadores do histórico grupo Fuxan os Ventos e actuais
compoñentes do grupo A Quenlla.
Ademais da súa produción discográfica con estes grupos, teñen
participado noutros discos de música galega, obras teatrais e publicado
diversos libros. Destaca o seu labor de recolla de contos, lendas, coplas,
cantares de cego… O seu arquivo sonoro foi cedido ao Museo do Pobo Galego para
a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da
Identidade. En 2009 foilles concedido por unanimidade o Pedrón de Ouro como
recoñecemento á súa traxectoria no campo da investigación musical durante os últimos
40 anos.
Neste primeiro día das Xornadas, os dous históricos músicos
interpretarán cantigas de cego referidas á nosa zona así como cantares característicos
da tradición popular que se interpretaron nas aldeas e vilas galegas
principalmente na primeira metade do século XX.
Burela
no contexto dos castros costeiros da Mariña. Luís Cordeiro Maañón
Venres, 13 de setembro, ás 20:30 horas no Salón de Conferencias
O arqueólogo e investigador focego Luís Cordeiro impartirá unha
conferencia sobre os castros da “rasa costeira”, sobre os que ten desenvolvido
distintos traballos arqueolóxicos. Cordeiro conta cun importante número de
publicacións e traballos de campo na área arqueolóxica, entre os que destacan a
escavación do Castro das Grovas en Ribadeo ou da Catedral de San Martiño de
Mondoñedo. Recentemente presentou na Universiade de Vigo a súa tese de
doutoramento baixo o título “Os castros
costeiros na Mariña de Lugo”, traballo que significa un importante paso na
investigación da cultura e do período castrexo, porque nesta investigación
aparecen novos castros que até a data eran descoñecidos e ficaban sen catalogar
e este traballo explica perfectamente a sociedade, a forma de vida e o mundo
castrexo como fenómeno complexo escapando da anécdota histórica.
Visita guiada
ao arquivo da Confraría de Pescadores de Burela
Sábado, 14 de setembro, ás 11:00 horas na Confraría (Porto de Burela)
Desde 1923, ano no que se constituíu o Pósito de Pescadores, o arquivo
da Confraría de Burela foi xerando a documentación que nos permite coñecer as
orixes e evolución da institución que hoxe coñecemos. As funcións máis
importantes das Confrarías eran a asistencia social aos socios, a ordenación da
pesca, a venda do peixe e as melloras nas embarcacións, funcións que se
reflecten claramente na documentación deste arquivo.
A exposición estrutúrase en catro eixos: A constitución da Confraría,
regulamentos e estatutos; O labor social; As embarcacións; e a pesca. A visita
estará guiada pola actual arquiveira da Confraría, Judit Fernández Gómez.
*Para esta actividade é preciso anotarse
previamente para organizar correctamente a visita. Poden contactar connosco a
través do correo ccburil@gmail.com ou ben nos
teléfonos 616-995-013 (mañás) e 616-473-366 (tardes).
Sem comentários:
Enviar um comentário