O pasado sábado tivo lugar un Des-Concerto Expansivo promovido
pola Plataforma socio-cultural Burla Negra, que se desenvolveu de xeito
simultáneo en numerosas vilas e cidades galegas, coincidindo co 10º aniversário
da “Marea da Dignidade”, que ao berro de “Nunca Máis”, enchía as rúas de
Compostela o 1 de decembro de 2002.
Desde o Colectivo Buril quixemos sumar-nos a esta iniciativa e por iso organizamos
unha Xornada
pola Dignidade que comezou cun magosto e unha chourizada realizada
diante do noso local social, na Praza de Abastos de Burela. Soci@s do colectivo
asaron castañas ao xeito tradicional que foron repartidas gratuitamente entre
todas as persoas asistentes.
Ás 22:30 horas, daba comezo o Des-Concerto Expansivo da man da agrupación
de latin-jazz Marosa Jazz Project (MJP)
que interpretou algúns dos standars
de jazz máis coñecidos. A seguir, o quinteto burelao Medio Quinhón fixo un percorrido por distintas pezas da música
tradicional e tamén por algunha composición do seu repertorio.
Antes de dar paso ás outras agrupacións , a presidenta do Buril, Rosana
Valle, deu leitura ao Manifesto contra o
Silencio, de Manuel Rivas, que foi lido simultaneamente nas distintas vilas
que se sumaron ao Des-Concerto Expansivo e que reproducimos abaixo.
A seguinte agrupación en actuar foi o grupo local Skolhma, que interpretaron temas propios e tamén fixeron versións
de Patti Smith, Lou Reed, Terbutalina... Xa para finalizar, o grupo mariñao de hardcore
The Broken Revenge presentou os seus
temas nunha potente posta en escea, deixando un moi bo sabor de boca entre
todas e todos os asistentes.
Manifesto contra o Silencio
Manuel RivasAtención. En todas as esquinas da Vía Sacra de Neón hai hoxe un concerto expansivo.
Emitimos acordes contra a adversidade.
Emitimos contra a mercadoría perigosa da mentira.
Emitimos contra a maquinaria pesada da propaganda.
Emitimos contra o rexistro bruto da incompetencia.
Emitimos contra un goberno rancoroso, feo, ameazante.
Emitimos na onda libre dos cans da noite,
na alegre radiofonía secreta das sereas
e na frecuencia do corvo de Allan Poe
que peteira en morse a clave que nos une: Nunca Máis!
Rescatamos do naufraxio unha orgullosa bandeira ennegrecida.
Rescatamos os instrumentos de soñar.
Rescatamos os tesouros roubados.
Rescatamos un mascato chamado liberdade.
Rescatamos o cormorán cristado da dignidade.
Rescatamos as cancións na fonoteca invencible do mar.
E rescataremos a verdade.
A verdade sairá a flote no país das barcas de pedra.
Facemos probas de son coa esperanza.
Atención.
Estamos a emitir ex conxuros solidarios.
Estamos a confortar o noso corazón
e a facer máis forte ao noso pobo.
Porque Galicia non ten prezo. Xa non ten prezo.
Facemos probas de son coa liberdade.
Un, dous, tres! Probando! Nunca Máis!
Sem comentários:
Enviar um comentário