O Buril
solicitará á Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellaría de
Cultura da Xunta da Galiza, a declaración de Ben de Interese Cultural en
calidade de monumento, para as pinturas e igrexa da Vila do Medio. Do mesmo
xeito, tamén solicitará ao Concello de Burela que trate este asunto no próximo
pleno municipal, ao entender que se trata dunha cuestión de grande interese para Burela.
As pinturas
murais da Igrexa da Vila do Medio constitúen unha obra de grande importancia
histórica, artística e patrimonial, non só para Burela, senón tamén para a arte
galega en xeral. Estas pinturas veñen padecendo un importante proceso de
deterioro desde que foron descobertas a principios dos anos 70 do pasado
século, presentando actualmente un estado de conservación que urxe unha rápida actuación
para garantir a súa preservación ao longo do tempo, así como para a súa posta
en valor como parte fundamental da nosa história artística e cultural.
O Buril,
traballa na promoción e defensa da cultura galega en todas as súas
manifestacións, desenvolvendo ao longo dos seus case 30 anos de vida distintas
actividades encamiñadas a preservar e pór en valor o noso patrimónico cultural,
facendo unha aposta nestes últimos anos polo estudo e difusión da história
local, con especial atención a aqueles aspectos máis destacados de Burela e da
Mariña.
O pasado ano
2012, dentro das II Xornadas de História Local de Burela, realizamos unha
visita guiada ás pinturas da Vila do Medio, a cargo da historiadora da arte
Lucia Bouza, onde puidemos constatar in situ o precario estado de conservación
que presenta esta “pequena xoia” da pintura medieval galega, sendo algunha das
escenas pictóricas practicamente irrecuperábel.
Co fin de pór
remedio a esta situación que pon en perigo a preservación destas pinturas, o
Buril presentará solicitude ante a Consellaría de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza, para que as pinturas e a igrexa da
Vila do Medio sexan declaradas Ben de Interese Cultural, de acordo coa Lei
8/1995, de 30 de outrubro, do Patromonio Cultural de Galiza.
O Buril tamén
presentará solicitude no Concello de Burela para que este asunto sexa levado ao
próximo pleno municipal e solicitará o apoio dos tres grupos políticos con
representación no pleno, para reforzar a solicitude presentada na propia
Consellaría e poder acadar deste xeito a declaración de Ben de Interese
Cultural para a igrexa e pinturas da Vila do Medio.
Paralelamente
a esta solicitude desde o Buril impulsaremos distintas actividades relacionadas
coas pinturas da Vila do Medio e a súa declaración BIC, para dar a coñecer esta
iniciativa entres os distintos sectores sociais de Burela. Todas estas
iniciativas encádranse dentro dunha serie de actividades que se programarán con
motivo do 30 aniversario do Colectivo Cultura Buril.
Sem comentários:
Enviar um comentário