terça-feira, 16 de dezembro de 2014

Exposición sobre as pinturas góticas da Vila do Medio e obradoiro de pintura mural para crianzas.


O Colectivo Cultural Buril comezaba hai xa uns meses un traballo para a recuperación, conservación e posta en valor das pinturas murais do século XVI da igrexa da Vila do Medio. A idea era realizar distintas actividades co fin de chamar a atención sobre o delicado estado de conservación no que se atopan actualmente (algunha está case desaparecida a día de hoxe) e por outra banda facer un traballo de divulgación e sensibilización entre os veciños e veciñas de Burela.

Desde o primeiro momento contactouse con distintas persoas de Burela ou que teñen vínculos coa nosa vila e que desenvolen actividades artísticas (pintura, deseño, fotografía, vídeo...) para dar a coñecer o traballo do Buril en relación coas pinturas da Vila do Medio e  recoller  as súas impresións. Deses encontros saíron varias e interesantes propostas.

A primeira iniciativa que se levou a cabo foi solicitar ao Servizo de Patrimonio da Xunta a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para as pinturas murais da Vila do Medio, da que aínda non se tivo contestación. Neste sentido, tamén propuxemos a todos os grupos políticos con representación no Concello unha moción para instar á Xunta a que realizasen os trámites oportunos para a Declaración BIC e dar apoio do pleno da corporación municipal á solicitude presentada polo Buril. Lamentablemente esta moción non foi aprobada polo pleno municipal ao non contar cos votos favorables do grupo maioritario.


Exposición sobre as pinturas góticas da Vila do Medio na Casa da Cultura de Burela, do 19 de decembro ao 30 de xaneiro de 2015.

Case un ano despois desta iniciativa e coincidindo co seu 30 aniversario, o Buril realiza unha exposición didáctica sobre as pinturas góticas da Vila do Medio na Casa da Cultura de Burela, que permanecerá aberta ao público desde o 19 de decembro ao 30 de xaneiro de 2015, en horario de Biblioteca.

A exposición componse de 8 paneis explicativos que conteñen información e material gráfico sobre as pinturas. Os dous primeiros paneis son de carácter explicativo, o primeiro con información xeral sobre a igrexa da Vial do Medio e o segundo sobre as pinturas (data de construción, estilo, técnicas empregadas, contexto histórico-artístico…). Os catro paneis seguintes son relativos ás propias pinturas, estando dedicados a cada unha das catro pinturas murais conservadas e que narran distintas escenas na “Paixón de Cristo”: o prendemento, a flaxelación, a lamentación e a resurrección, esta última atópase practicamente desaparecida a día de hoxe. A exposición remata con dous paneis explicativos sobre o estado das pinturas e as medidas a levar a cabo para a súa conservación e posta en valor. Nestes dous paneis explícanse os procesos que interveñen na destrución das pinturas, as intervencións levadas a cabo durante os últimos anos e as medidas a adoptar para pór freo ao seu deterioro.


Obradoiro de pintura mural para crianzas no local social do Buril os días 2 e 3 de xaneiro.

Paralelamente a esta exposición, terá lugar un obradoiro de pintura mural para crianzas de 7 anos en diante, coordinado por Rosana Míguez, licenciada en Belas Artes e titulada en Conservación e Restauración de Bens Culturais. Esta actividade procura dar a coñecer o patrimonio histórico-artístico de Burela entre os máis pequenos e pequenas, ao tempo que pór en práctica as técnicas tradicionais da pintura mural e o temple.

Este obradoiro desenvolverase no local social do Buril, na praza de abastos de Burela entre as 11:00 e as 13:00 horas do 2 e 3 de xaneiro de 2015, habendo a posibilidade de amplialo ate o día 4. A actividade terá un custo de 5 € para o público en xeral e será gratuíta para socios e socias do Buril. As persoas interesadas poden inscribirse nos telefones 666-737-595 ou no 616-995-013, ou se o prefiren a través do correo-e ccburil@gmail.com


Sem comentários: