O próximo sábado dará comezo a programación teatral de
outono organizada polo Colectivo Cultural Buril, que arrinca coa obra de teatro
infantil e familiar Kasi Circo, da compañía Teatro Monart. A cita será
ás 18:00 horas na Praza da Mariña de Burela (no Auditorio Municipal se o tempo
non acompaña). Música, clown, teatro e títeres son os ingredientes do
espectáculo Kasi Circo que está a poñer en escea Teatro Monart en
diversos concellos da provincia de Lugo. Este espectáculo forma parte do
programa Buxiganga, organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia primeira
da Deputación de Lugo, que busca promover o teatro a nivel municipal, e dar pulo aos
pequenos grupos teatrais.
Os días 4, 5 e 6 de outubro terán lugar as XIII
Xornadas de Teatro de Burela, nas que contaremos con recoñecidas
compañías teatrais galegas. As I Xornadas de Teatro organizadas polo
Buril tiñan lugar alá polo ano 1987, celebrándose ininterrompidamente durante
doce edicións ate 1998. Desde o C.C. Buril quixemos recuperar aquelas míticas
xornadas de teatro que chegaron a ser un referente no panorama teatral galego,
dando así continuidade a unha proposta cultural, que 14 anos despois aínda
segue a ecoar na cabeza de moitas burelás e burelaos.
A programación teatral de outono do Buril remata o día 27
de outubro, coa representación da obra Radio Universo da compañía
Nostrum Cai, tamén dentro dos Circuítos Buxiganga.
Kasi Circo.
Sinopse
“A obra Kasi Circo trata a história de dúas
personaxes aparentemente correntes, Silvio e Monik, dous limpadores dun circo
de fama internacional. Unha mañá calquera, dispostos a emprender de novo os
seus rutinários traballos, acontece algo que cambia o rumbo das súas vidas. O
león do circo escapou da gaiola e comeu os artistas; ante tal desenlace, os
limpadores deciden que o espectáculo debe continuar e co beneplácito do público
presente propóñense representar os artistas que tantas veces viron. Aínda que a
intención é o que conta, resultan ser bastantes desastrosos nas súas
representacións debido á súa evidente falta de formación. Aínda así seguen
adiante até o final, final que non deixa indiferente, posto que en realidade
todo foi un soño.
A obra, ademais de entreter e rescatar sorrisos entre o
público, pretende mandar unha humilde mensaxe cara á posibilidade de facer
realidade os soños. Como nos pasou a nós mesmos, primeiro soñamos facer
realidade un grupo teatral e finalmente o soño cumpriuse.”
Sem comentários:
Enviar um comentário