terça-feira, 9 de julho de 2019

Colectivo Cultural Buril. 1983-2019. 36 anos de activismo cultural galego en Burela.


Despois de 36 anos de vida como entidade asociativa, o Colectivo Cultural Buril despídese definitivamente coa esperanza de ter sido unha ferramenta útil e de ter contribuído a encher un oco no asociacionismo cultural en Burela. 

O Buril inscríbese oficialmente no rexistro provincial de asociacións o 17 de novembro de 1983 e celebra a súa primeira asemblea xeral en xaneiro de 1984. O 22 de marzo de 2019, tras tres anos de cese indefinido da actividade e imposibilidade para renovar a Xunta Rexedora do colectivo, acórdase en asemblea xeral a disolución do C.C. Buril, quedando inscrita a súa disolución no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galiza, con data de resolución do 27 de maio de 2019. 
Xunto coa súa disolución, as socias e socios do colectivo, acordan solicitar ao Concello de Burela a custodia dos fondos documentais do C.C. Buril, así como doar o seu patrimonio económico a distintas entidades de carácter social que desenvolvan a súa actividade en Burela, entre as que se atopan a Asociación Camiña, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña e AFAN. Mediante resolución do 21/05/19, o Concello acepta a custodia dos fondos do colectivo no Arquivo Municipal, Biblioteca Pública ou nas dependencias que o Concello estime oportunas e que reúnan as condicións apropiadas para a correcta conservación e localización dos citados fondos, polo interese que podan ter para o estudo do asociacionismo e da Historia Local.

O Buril mantivo unha programación continuada entre os anos 1984 e 2016, con momentos de maior actividade e con algunha pausa puntual froito do relevo na súa xestión. Ao longo destes anos pasaron polo colectivo decenas de persoas que realizaron numerosas actividades de temáticas diversas, tendo todas elas como común denominador a defensa e posta en valor do idioma e da cultura galega, así como o “traballo a favor de toda manifestación cultural en calquera dos seus ámbitos”, como recollen os seus estatutos. A historia do colectivo pode resumirse a grosso modo en 3 etapas principalmente, onde destacan entre outras, as actividades que a seguir se detallan. 

·      Unha primeira etapa podemos situala entre os anos 1984-1998, e nela cabe sinalar como actividades máis relevantes a publicación da revista “O Trasno” entre os anos 1985 e 1990 e a programación das “Xornadas de Teatro”, realizadas entre 1987 e 1998, sen esquecer todas as actividades realizadas en torno á organización do Entroido: realización de xincanas, o enterro da sardiña ou a recuperación da tradición de “correr a auga” nos barrios de Vila do Medio e “Calle do Can”.
·      A segunda etapa poderiamos enmarcala entre 1999 e 2008, onde destaca o traballo de recuperación da historia local coa escolma de imaxes que conformaron o arquivo gráfico e deron lugar á exposición e publicación do libro “Burela na memoria” por unha banda e á realización do documental audiovisual “O Entroido na memoria” por outra banda. Tamén hai que salientar distintas actividades dirixidas á mocidade como os festivais “Pataka Rock” (2001) e o “Festival Pataca” (2008). 
·      A terceira e última etapa sería a comprendida entre 2009 e 2016. Nestes anos xurdiron novas actividades vinculadas á lingua desde unha perspectiva reintegracionista, conferencias sobre distintas materias, debates, presentacións de libros... Podemos salientar algunhas propostas como a celebración do Ano Novo pola “hora galega”, o “Aberto do Bonito” de bolos celtas e billarda, as “Xornadas de Historia Local”, o “Maratón de Lectura”, actividades sobre as pinturas góticas da Vila do Medio, ou propostas sobre memoria histórica democrática en relación á Rúa do bispo Eijo Garay. Xunto a este programa de actividades, tamén se fixo un traballo de posta en valor das actividades máis destacadas das etapas anteriores, como a reedición facsímile da revista “O Trasno” ou a dixitalización do documental audiovisual “Burela na Memoria”, así como a recuperación das “Xornadas de Teatro”.

domingo, 8 de maio de 2016

VI Maratón de Leitura de Burela. “Manuel María, poeta do pobo”


VI Maratón de Leitura de Burela.
 “Manuel María, poeta do pobo”.
Venres, 13 de maio.
Salón de plenos do Concello.


        O Maratón de Lectura de Burela, organizado polo Colectivo Cultural Buril chega este ano á súa sexta edición. Dada a alta participación acadada nas pasadas edicións, así como o interese mostrado por parte das entidades participantes, apostamos por manter esta cita coa lingua e a literatura galega que se vai consolidando ano a ano. Desta volta o Maratón de Lectura será o día 13 de maio, para celebrar Día das Letras Galegas, que este ano están dedicadas ao poeta da Terra Chá Manuel María. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como vén sendo habitual.

O Buril quer sumarse deste xeito aos distintos actos que se desenvolven por todo o país dedicados ao autor chairego. O Maratón de Lectura terá lugar no Salón de plenos do Concello, de 10:00 a 14:00 e horas, e contará coa participación dos centros educativos de primaria e secundaria de Burela.

quinta-feira, 19 de fevereiro de 2015

V Maratón de Leitura. #EuSonRosalía


        O Maratón de Lectura de Burela, organizado polo Colectivo Cultural Buril chega este ano á súa quinta edición. Dada a alta participación acadada nas pasadas edicións, así como o interese mostrado por parte de todas as persoas e entidades participantes, apostamos por manter esta cita coa lingua e a literatura galega que se vai consolidando ano a ano. Desta volta celebraremos o Maratón de Lectura o 24 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como vén sendo habitual.

O Buril quer sumarse deste xeito á celebración do Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro (aniversario do nacemento da autora), que desde 2010 promove a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). Nos últimos anos foron varias as accións promovidas desde a AELG que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo e o tecido asociativo.

Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema "Eu son Rosalía" e convidan os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”

Ao igual que o pasado ano, o Maratón de Lectura estará estruturado en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 a 14:00 e horas, destinada aos centros educativos de primaria e secundaria e outra de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, destinada a colectivos e entidades deportivas, así como a todas as persoas que queiran participar a título individual.

quinta-feira, 29 de janeiro de 2015

Festa polo Galego

O próximo sábado imos de festa pola língua. A partir das 17:00 horas na Sala Bahía de Foz.


terça-feira, 13 de janeiro de 2015

"Quês e porquês do reintegracionismo". Sexta-feira, 23 de Janeiro, às 20:00 h. no C.S. Xebra!


O 23 de Janeiro, sexta-feira, terá lugar em Burela o lançamento do "Quês e porquês do reintegracionismo", com a presença de Eduardo Sanches Maragoto, co-autor do livro. A cita será no C.S. Xebra! (Leandro Cucurny 19) às 20:00 horas.
Por que escrevedes tam ‘raro’? É necessário ir a Portugal para aprender galego? Quem foi o primeiro reintegracionista? Umha naçom, umha língua? Era Castelao reintegracionista? Sou eu reintegracionista? Por que os portugueses nos falam em castelhano? Quais som os países de língua oficial portuguesa e como escrevem?
Estas e muitas outras questões responde este livro, com um tom didático e descontraído. Pensado nom para especialistas em língua mas para a gente do comum, que queira conhecer de primeira mao os quês e os porquês do reintegracionismo.
Este movimento de que se pode afirmar, parafraseando Mark Twain, que “os rumores sobre a sua desapariçom fôrom grosseiramente exagerados”.
Autoria:
José Ramom Flores das Seixas [Coordenador]
Joseph Ghanime Lopes
Beatriz Peres Bieites
Valentim Fagim Rodrigues
Eduardo Sanches Maragoto



Obradoiro de pintura mural para crianzas o 24 e 25 de xaneiro