segunda-feira, 21 de abril de 2014

IV Maratón de Leitura.



IV Maratón de Leitura de Burela.
Mércores 23 de abril. Salón de plenos do Concello.


        O Maratón de Lectura de Burela, organizado polo Colectivo Cultural Buril chega este ano á súa cuarta edición. As socias e socios do Buril estamos moi satisfeit@s pola alta participación acadada nas pasadas edicións, así como polo interese mostrado por parte de todas as persoas e entidades participantes, motivos estes que nos animan a realizar unha nova edición do Maratón de Lectura, que este ano voltamos celebrar o 23 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como vén sendo habitual.

No pasado ano, o Maratón de Lectura dedicouse a Rosalía de Castro, sumándonos deste xeito ás distintas actividades celebradas en numerosas vilas galegas con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, obra fundacional da literatura galega contemporánea e símbolo do Rexurdimento da literatura e da cultura galegas.
Desta volta a temática do maratón será de escolla libre, sendo o único requisito que o texto ou fragmento do texto escollido sexa en galego. Como proposta para este IV Maratón, aproveitamos para lembrarvos que o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano é o escritor Xosé María Díaz Castro, poeta e tradutor natural de Guitiriz, autor do poemario Nimbos.
Ao igual que o pasado ano, o maratón estará estruturado en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 a 14:00 e horas, destinada aos centros educativos e outra de tarde, de 16:00 a 20:30 horas, destinada a colectivos e entidades deportivas, así como a todas as persoas que queiran participar a título individual.
A xornada de mañá dará comezo ás 10:00 horas e prolongarase ate as 14:00 h. coas lecturas do alumnos e alumnas dos centros educativos de primaria e secundaria de Burela, CEIP Os Castros, CEIP Vista Alegre, IES Monte Castelo e IES Perdouro. Pola tarde, desde as 16:00 horas participarán distintos colectivos e entidades de Burela, estando xa confirmada a presenza do asociacón Camiña, Fundación Eu Son, CD Burela FS, Clube Baloncesto, SCR Ledicia, Amajazz, Amigas e Amigos da Banda de Burela, Observatorio da Mariña pola Igualdede... así como distintas persoas que participarán a título individual. 

quarta-feira, 5 de março de 2014

Enterro da Sardinha 2014


Informámos-vos que um grupo de pessoas está a organizar espontaneamente o Enterro da Sardinha para hoje em Burela. A saída está programada para as 20:00 horas do Mesón do Poeta. Fara-se umha ruada por distintos lugares da vila.

Desde o Buril queremos convidar-vos a participar no Enterro da Sardinha, um dos sinais de identidade do entruido burelao.


Roga-se umha oraçom pola defunta sardinha, filhas parrochas, súas irmás xoubas da ria e amizades peixes do Cantábrico.
D.E.P.

(Agradece-se assistam de luto rigoroso. Também se aceita Santa Companha)

Junta Regedora C.C. Buril







quinta-feira, 17 de outubro de 2013

Do Miolo & Cia. en Burela este venres.



O próximo venres 18 de Outubro terá lugar a representación teatral da obra "Non son D'acó (nin D'acolá)" da compañía Do Miolo & Cía, enmarcada dentro do Circuito Buxiganga e que dará fin ao programa de Teatro de Outono do Buril.

A obra representarase o venres 18 de Outubro ás 21:30 no Auditorio da Casa da Cultura de Burela. A entrada será de balde para as persoas asociadas ao colectivo Buril e para os menores de 14 anos, e de 2€ para o resto o das persoas.

A obra sitúanos en Pena da Moura, desolada terra que vén ser a herdanza de Lola, que leva vinte anos en Bos Aires levando, morriñenta, o quiosco que montaran os seus defuntos pais, á porta do estadio de Boca Juniors, e tocando o contrabaixo nun grupo de Tango. Coa escusa de amañar os papeis da súa herdanza, Lola convence os seus amigos para vir a Galiza a gravar un disco. Son recibidos por Julita, curmá de Lola e actual parella do home que, vinte anos atrás, lle xurou amor a Lola. A crueza do recibimento, as peripecias que lles acontecen por mor do interese que ela ten por marcharen canto antes, as diferentes expectativas de cada unha das personaxes e a tensión que isto provoca, entre os catro amigos, converte a súa amizade e, a eles mesmos, en personaxes dun tango…, talvez aquel que foi un dos seus primeiros éxitos nos anos 90.

sexta-feira, 27 de setembro de 2013

XIV Xornadas de Teatro



O Colectivo Cultural Buril organiza as XIV Xornadas de Teatro, que terán lugar en Burela, do 3 ao 6 de outubro.
As Xornadas de Teatro de Burela foron organizadas polo Buril entre os anos 1986 e 1998, chegando a ser un dos referentes no panorama teatral galego do momento. Despois de varios anos de interrupción, as Xornadas eran recuperadas o ano pasado, coa vontade de dar continuidade a unha das actividades do colectivo que contaron con maior resposta de público en Burela. Por outra banda, as Xornadas de Teatro, tamén queren cobrir un baleiro que a día de hoxe existe na programación cultural, entendendo que deben ser os colectivos de base os que funcionen como motor na promoción e difusión da cultura galega en calquera dos seus ámbitos e manifestacións.
As XIV Xornadas de Teatro incrementan un día a súa programación con respecto á edición do pasado ano. Mofa & Befa, Cándido Pazó, Fantoches Baj e o grupo teatral do Colectivo Ollomao serán as catro compañías que pasarán pola Casa da Cultura de Burela entre o 3 e o 6 do próximo mes de outubro, onde terán cabida tanto o teatro profesional para público adulto e público infantil, como o teatro afeccionado para todo tipo de público. As entradas terán un prezo de entre os 3 e 6 €, sendo gratuítas para socios e socias do Buril e menores de 14 anos. O sábado haberá unha sesión teatral infantil para nenos e nenas de 4 a 12 anos con entrada de balde.


Programa das XIV Xornadas de Teatro

Xoves 3, ás 21:30 h.
Sempre ao Lonxe. Mofa & Befa.
Entrada: 6 €
Venres 4, ás 21:30 h.
As do Peixe. Cándido Pazó.
Entrada: 6 €
Sábado 5, ás 18:00 horas.
RodariRodari. Fantoches Baj.
Contacontos musical infantil. Entrada de balde
Domingo 6, ás 20:00 horas.
Os vellos non deben de namorarse. Ollomao
Entrada: 3 €
*BONO 4 días: 12 €       * Soci@s Buril: entrada de balde

SINOPSE E FICHA ARTÍSTICA DAS OBRAS

SEMPRE AO LONXE ou a decadencia étnica
Mofa & Befa
Xoves 3, ás 21:30 h.

Nos últimos 15 anos a ciencia impugnou para sempre a idea ou preconceito do século XIX que afirmaba que os seres humanos pertencemos a razas diferentes. A falta de sensibilidade destes científicos que destruiu as ilusións raciais de millóns de persoas que se crian superiores, inferiores ou simplesmente distintas de outras. A superstición racial é unha parte fundamental da nosa cultura, á mesma altura que a superstición amorosa ou relixiosa. A crenza na existencia das razas ten provocado algunha guerra, o turismo sexual, as ONGs, os tablaos flamencos, as casas de fados, o apartheid, os filmes de Fu-man-chu, o samba, a pintura de Gauguin, as misións, e obras imortais da literatura como Othello ou “As tribulacións dun chinés na China”... O desencriptado do mapa xenético humano mandou ao caixón das lembranzas todo isto. MOFA&BEFA, sempre atentos ás necesidades espirituais do seu público, decidiu meterlle o dente a esta suculenta cuestión. SEMPRE AO LONXE é o título do espectáculo resultante. Un título cheo de saudade que nos suxire, por un lado, a imposibilidade de estar no sitio certo no momento certo; e por outro lado, a cautelosa distancia desde a que acostumamos a observar aos que cremos diferentes de nós.

Ficha artística:
·       ACTORES: Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Piti Sanz
·       AUTORES: Quico Cadaval, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Piti Sanz.
·       ESCENOGRAFÍA: Mofa e Befa

·       DESEÑO DE LUZ: Octavio Más

·       MÚSICA ORIXINAL: Piti Sanz
·       DIRECCIÓN: Quico Cadaval

As do Peixe
Cándido Pazó
Venres 4, ás 21:30 h.

Un espectáculo que honra a memoria das traballadoras da conserva

AS DO PEIXE son as traballadoras da conserva. A man de obra barata dunha industria que, ao longo do tempo e da xeografía, acabou por facer parte da paisaxe emocional do noso país.
AS DO PEIXE son catro actrices que, encarnando catro mulleres concretas, representan miles de anónimas traballadoras: as súas humildes historias, as súas vidas comúns, as súas íntimas arelas, os seus modestos soños, as súas pequenas frustracións. A súa memoria colectiva.
AS DO PEIXE é un espectáculo sentido, bulideiro, divertido, intenso, directo, reflexivo, fresco, reivindicativo... porque así eran aquelas mulleres.
Catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, acoden a un “taller da memoria” e, ao tempo que reconstrúen parte da súa experiencia laboral, rememoran pasaxes da súa vida persoal e familiar, comentan aspectos da actualidade e expresan as súas ilusións ou desconfianzas no futuro.
Ficha artística:
·       Texto: Cándido Pazó
·       Dirección: Cristina Domínguez da Pena
·       Actrices: Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans, Rocío González


RodariRodari
Fantoches Baj
Sábado 5, ás 18:00 h.

RodariRodari (Contos do tranvía) é un espectáculo de narración oral, con acompañamento musical, no que empregamos o conto tradicional, a tradición dos contos de Gianni Rodari, e os monicreques para, partindo da domesticación de un animal como o burro, chegar ó uso ou abuso das novas tecnoloxías.

O tranvía de Marín, baseándonos, sobre todo, na descrición humorística que do mentado tranvía fixo Castelao, serviranos como medio de transporte do espectáculo.

O tema da xogo para introducir cancións tradicionais como a do Trole, nas que o músico Carlos Quintá, irá acompañándo co seu acordeón diatónico, e o narrador Inacio Vilariño   xogará coas onomatopeias producidas polo funcionamento das máquinas, ao mesmo tempo que se acompañan coa melodía producida maquinalmente por unha caixa de música.

Finalmente  péchase o circulo coas novas tecnoloxías e como mal usadas acabarán converténdonos en burros.

Ficha artística:

·       Narración: Inacio Vilariño
·       Música: Carlos Quintá

·       Autor: Inacio Vilariño
  
Os vellos non deben de namorarse
Colectivo Ollomao
Domingo 6, ás 20:00 h.

Este recentemente creado grupo de teatro presenta unha montaxe do clásico de Castelao renovada nas formas, mais mantendo a literalidade do texto do autor de Rianxo.
A obra está dividida en tres lances e un epílogo nos que presenciamos as historias de tres vellos que están dispostos a entregar todo a cambio do falso amor dunhas mozas que, por iniciativa propia ou a instancia de pais ou parellas, se converten en moeda de cambio para buscar a felicidade dos seus. As mulleres como harpías, como mentes calculadoras, coma mercadorías polas que uns pobres vellos dan ata a vida en busca de non máis que un desexado e idílico amor. Os vellos namoradizos, inocentes, dispostos a todo por gozar da xuventude dunha muller ao seu lado que os encha de felicidade mentras eles lles enchen os petos. Tres vellotes namoriqueiros que nos provocan a risa cos seus namoramentos sero- dios. Vellos que pescudan con eses namoramentos unha nova mocidade. E coa nova mocidade a vida imperecedeira no tempo que mata. Os vellos ao se namoraren cóidanse inmorrentes. Isto fainos dignos de simpatía e compaixón a pesares dos seus desvaríos e excesos. Os vellos ao se namoraren tórnanse aínda máis velliños e morren. É o que compre. En- ganados, ridículos e parvos merecen o noso respecto. Estes petrucios desorbitados encarnan ao seu xeito o antigo misterio da renacencia.
Ficha artística:
·       REPARTO: Enrique Penabad, Noelia López, Faustino González, Paz Ermida, María Pilar Goas, María Díaz, Sandra Novo, Roberto Casas, Aurora Iglesias, Ana Ermida, Tamara Rubiños, Antonio García, Juan Rodríguez, Pepita Bermúdez, Xosé Friol, César Franco, Noela Fernández, Belén Fernández, Sara Ratoeira, Jorge David Vázquez, Marisa Freire, Ramón Ángel Ares, Xoán M. Díaz, Benito Pérez.
·       MÚSICA: Tumba e Dalle
·       DIRECCIÓN: Comba Campoy e Ramón Casas