segunda-feira, 21 de abril de 2014

IV Maratón de Leitura.



IV Maratón de Leitura de Burela.
Mércores 23 de abril. Salón de plenos do Concello.


        O Maratón de Lectura de Burela, organizado polo Colectivo Cultural Buril chega este ano á súa cuarta edición. As socias e socios do Buril estamos moi satisfeit@s pola alta participación acadada nas pasadas edicións, así como polo interese mostrado por parte de todas as persoas e entidades participantes, motivos estes que nos animan a realizar unha nova edición do Maratón de Lectura, que este ano voltamos celebrar o 23 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como vén sendo habitual.

No pasado ano, o Maratón de Lectura dedicouse a Rosalía de Castro, sumándonos deste xeito ás distintas actividades celebradas en numerosas vilas galegas con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, obra fundacional da literatura galega contemporánea e símbolo do Rexurdimento da literatura e da cultura galegas.
Desta volta a temática do maratón será de escolla libre, sendo o único requisito que o texto ou fragmento do texto escollido sexa en galego. Como proposta para este IV Maratón, aproveitamos para lembrarvos que o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano é o escritor Xosé María Díaz Castro, poeta e tradutor natural de Guitiriz, autor do poemario Nimbos.
Ao igual que o pasado ano, o maratón estará estruturado en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 a 14:00 e horas, destinada aos centros educativos e outra de tarde, de 16:00 a 20:30 horas, destinada a colectivos e entidades deportivas, así como a todas as persoas que queiran participar a título individual.
A xornada de mañá dará comezo ás 10:00 horas e prolongarase ate as 14:00 h. coas lecturas do alumnos e alumnas dos centros educativos de primaria e secundaria de Burela, CEIP Os Castros, CEIP Vista Alegre, IES Monte Castelo e IES Perdouro. Pola tarde, desde as 16:00 horas participarán distintos colectivos e entidades de Burela, estando xa confirmada a presenza do asociacón Camiña, Fundación Eu Son, CD Burela FS, Clube Baloncesto, SCR Ledicia, Amajazz, Amigas e Amigos da Banda de Burela, Observatorio da Mariña pola Igualdede... así como distintas persoas que participarán a título individual.