terça-feira, 16 de julho de 2013

BIC para as pinturas da Vila do Médio



O Buril solicitará á Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellaría de Cultura da Xunta da Galiza, a declaración de Ben de Interese Cultural en calidade de monumento, para as pinturas e igrexa da Vila do Medio. Do mesmo xeito, tamén solicitará ao Concello de Burela que trate este asunto no próximo pleno municipal, ao entender que se trata dunha cuestión de grande interese para Burela.

As pinturas murais da Igrexa da Vila do Medio constitúen unha obra de grande importancia histórica, artística e patrimonial, non só para Burela, senón tamén para a arte galega en xeral. Estas pinturas veñen padecendo un importante proceso de deterioro desde que foron descobertas a principios dos anos 70 do pasado século, presentando actualmente un estado de conservación que urxe unha rápida actuación para garantir a súa preservación ao longo do tempo, así como para a súa posta en valor como parte fundamental da nosa história artística e cultural.

O Buril, traballa na promoción e defensa da cultura galega en todas as súas manifestacións, desenvolvendo ao longo dos seus case 30 anos de vida distintas actividades encamiñadas a preservar e pór en valor o noso patrimónico cultural, facendo unha aposta nestes últimos anos polo estudo e difusión da história local, con especial atención a aqueles aspectos máis destacados de Burela e da Mariña.

O pasado ano 2012, dentro das II Xornadas de História Local de Burela, realizamos unha visita guiada ás pinturas da Vila do Medio, a cargo da historiadora da arte Lucia Bouza, onde puidemos constatar in situ o precario estado de conservación que presenta esta “pequena xoia” da pintura medieval galega, sendo algunha das escenas pictóricas practicamente irrecuperábel. 

Co fin de pór remedio a esta situación que pon en perigo a preservación destas pinturas, o Buril presentará solicitude ante a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza, para que as pinturas e a igrexa da Vila do Medio sexan declaradas Ben de Interese Cultural, de acordo coa Lei 8/1995, de 30 de outrubro, do Patromonio Cultural de Galiza.

O Buril tamén presentará solicitude no Concello de Burela para que este asunto sexa levado ao próximo pleno municipal e solicitará o apoio dos tres grupos políticos con representación no pleno, para reforzar a solicitude presentada na propia Consellaría e poder acadar deste xeito a declaración de Ben de Interese Cultural para a igrexa e pinturas da Vila do Medio.

Paralelamente a esta solicitude desde o Buril impulsaremos distintas actividades relacionadas coas pinturas da Vila do Medio e a súa declaración BIC, para dar a coñecer esta iniciativa entres os distintos sectores sociais de Burela. Todas estas iniciativas encádranse dentro dunha serie de actividades que se programarán con motivo do 30 aniversario do Colectivo Cultura Buril.

quinta-feira, 18 de abril de 2013

III Maratón de Lectura


III Maratón de Lectura de Burela
Martes 23 de Abril do 2013. Salón de plenos do Concello

O próximo martes, terza-feira, día 23 de abril, no salón de plenos do Concello, terá lugar o III Maratón de Lectura de Burela. Esta actividade, organizada polo Buil, nacía hai dous anos na nosa vila e tén por finalidade principal promover a lectura en lingua galega.

Este ano cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Galegos, obra fundacional da literatura galega contemporánea e símbolo do Rexurdimento da literatura e cultura galegas. Desde o Colectivo Buril queremos dedicar o III Maratón de Lectura a Rosalía de Castro, sumándonos deste xeito ás distintas actividades que se están a desenvolver en numerosas vilas e cidades galegas, promovidas principalmente pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), pola Fundación Rosalía e por distintas asociacións culturais de base.

Ao igual que na edición previa do maratón, a lectura prolongarase ao longo de todo o día e os textos a ler serán fragmentos da obra rosaliana ou ben textos de outros autores e autoras dedicados á poeta de Padrón. A xornada de mañá
dará comezo ás
10:00
coas
 lecturas dos alumnos e alumnas dos centros educativos de primaria e secundaria de Burela
, CEIP Os Castros, CEIP Vista Alegre, IES Monte Castelo e IES Perdouro
. Pola tarde, desde as 16:00, participarán distintos colectivos
e entidades
de Burel
a, estando xa confirmada a presenza
da
asociación Camiña
,
Axuda ao enfermo mental "A Mariña", 
Fundación Eu Son, Burela FS,
Clube de Baloncesto, SCR Ledicia, 
Amigas e Amigos
 da Banda Música de Burela,
AMAJAZZ, 
Centro San Aníbal, asociación Vagalume
, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Clube de Lectura
... así co
m
o distintas
persoas
que participarán a título
 individual.

 
Desde o colectivo Buril a
gradecemos
o
 interese mostrado
por todos e todas as participantes, que fan posible este maratón de lectura en Burela. Aproveitamos tamén para convidar a todas as persoas a asistir ao maratón e disfrutar da lectura de textos de Rosalía de Castro ao longo de todo o día.

segunda-feira, 21 de janeiro de 2013

Servando Trigo na lembranza


Tras a triste noticia do seu inesperado pasamento, o pasado sábado, 12 de xaneiro, despedíamos a Servando, veciño de Burela e quen foi durante moito tempo activo colaborador do noso colectivo.

Servando Trigo Carreiras, natural do Valadouro, instalouse en Burela sendo un rapaz, tras unha breve estancia en Barcelona. Foi por tanto, como moitos e moitas de nós, un burelao de adopción, que veu na procura de traballo e ficou aquí para sempre. Axiña comezou a traballar como carpinteiro e estando xa asentado na nosa vila, exerceu de “auténtico burelao”, participando activamente e colaborando con distintas entidades asociativas de tipo cultural e deportivo.

Unha das entidades nas que máis activamente participou foi na S.D. Burela, da que foi directivo durante varios anos. Era frecuente velo na billeteira do campo da Marosa, así como nos desprazamentos co equipo a outras localidades, a onde acudía frecuentemente como delegado. Como membro da directiva da S.D. Burela tamén formou parte da comisión de festas, axudando en todo canto podía.

Mais o seu traballo asociativo non se cinguiu exclusivamente á S.D. Burela. Colaborou tamén co Clube de Balonmán, especialmente nas primeiras festas do Monte Castelo, cando a festa era organizada polo equipo. Froito do seu gusto pola cociña, tamén participou en distintas actividades gastronómicas. Tanto asaba sardiñas na propia Romaría do Monte Castelo, como bonito na Festa do Bonito, organizada pola S.C.R. Ledicia, festa da que chegou a ser nomeado “Asador Maior”.

Outra das actividades nas que tamén se involucrou desinteresadamente foi no entroido local, especialmente no Enterro da Sardiña organizado polo C.C. Buril. A sardiña do propio enterro foi realizada desde o comezo, alá polos 80 e ata 2012 pola carpintaría O Campón, taller fundado por Servando e Urbano Bouza a mediados dos 80 e no que Servando traballou ata a súa xubilación hai só uns anos. Tanto os dous socios como os empregados do taller, non só se involucraban na construción e decoración da sardiña, senón que tamén participaban na comitiva que acompañaba á “defunta sardiña” pola rúas de Burela, como membros da “corporación municipal”. No vídeo documental “O Entroido na Memoria”, realizado polo Buril en 2001 e dixitalizado o pasado ano, podemos velos na mencionada comitiva.

Estas son algunhas das actividades máis destacadas nas que participou, mais con certeza que participou en moitas outras das que non temos coñecemento. Desde o Buril, queremos con esta breve lembranza facer unha humilde e sentida homenaxe a Servando, aínda que a verdadeira homenaxe, a que el merece, faise no día a día, dando continuidade ao traballo asociativo ao que el dedicou tanto esforzo e dedicación. Servando é todo un exemplo para o asociacionismo de base e no Buril tentaremos seguir o guieiro que el e moitos e moitas outras encetaron hai xa uns anos na nosa vila.

En Burela, a 18 de xaneiro de 2012.

Xunta Rexedora do C.C. Buril

quarta-feira, 5 de dezembro de 2012

Magosto e Des-Concerto Expansivo en Burela na XORNADA pola DIGNIDADE



O pasado sábado tivo lugar un Des-Concerto Expansivo promovido pola Plataforma socio-cultural Burla Negra, que se desenvolveu de xeito simultáneo en numerosas vilas e cidades galegas, coincidindo co 10º aniversário da “Marea da Dignidade”, que ao berro de “Nunca Máis”, enchía as rúas de Compostela o 1 de decembro de 2002.

Desde o Colectivo Buril quixemos sumar-nos a esta iniciativa e por iso organizamos unha Xornada pola Dignidade que comezou cun magosto e unha chourizada realizada diante do noso local social, na Praza de Abastos de Burela. Soci@s do colectivo asaron castañas ao xeito tradicional que foron repartidas gratuitamente entre todas as persoas asistentes.


Ás 22:30 horas, daba comezo o Des-Concerto Expansivo da man da agrupación de latin-jazz Marosa Jazz Project (MJP) que interpretou algúns dos standars de jazz máis coñecidos. A seguir, o quinteto burelao Medio Quinhón fixo un percorrido por distintas pezas da música tradicional e tamén por algunha composición do seu repertorio.

Antes de dar paso ás outras agrupacións , a presidenta do Buril, Rosana Valle, deu leitura ao Manifesto contra o Silencio, de Manuel Rivas, que foi lido simultaneamente nas distintas vilas que se sumaron ao Des-Concerto Expansivo e que reproducimos abaixo.


A seguinte agrupación en actuar foi o grupo local Skolhma, que interpretaron temas propios e tamén fixeron versións de Patti Smith, Lou Reed, Terbutalina... Xa para finalizar, o grupo mariñao de hardcore The Broken Revenge presentou os seus temas nunha potente posta en escea, deixando un moi bo sabor de boca entre todas e todos os asistentes.



Manifesto contra o Silencio
Manuel Rivas

Atención. En todas as esquinas da Vía Sacra de Neón hai hoxe un concerto expansivo.
Emitimos acordes contra a adversidade.
Emitimos contra a mercadoría perigosa da mentira.
Emitimos contra a maquinaria pesada da propaganda.
Emitimos contra o rexistro bruto da incompetencia.
Emitimos contra un goberno rancoroso, feo, ameazante.
Emitimos na onda libre dos cans da noite,
na alegre radiofonía secreta das sereas
e na frecuencia do corvo de Allan Poe
que peteira en morse a clave que nos une: Nunca Máis!
Rescatamos do naufraxio unha orgullosa bandeira ennegrecida.
Rescatamos os instrumentos de soñar.
Rescatamos os tesouros roubados.
Rescatamos un mascato chamado liberdade.
Rescatamos o cormorán cristado da dignidade.
Rescatamos as cancións na fonoteca invencible do mar.
E rescataremos a verdade.
A verdade sairá a flote no país das barcas de pedra.
Facemos probas de son coa esperanza.
Atención.
Estamos a emitir ex conxuros solidarios.
Estamos a confortar o noso corazón
e a facer máis forte ao noso pobo.
Porque Galicia non ten prezo. Xa non ten prezo.
Facemos probas de son coa liberdade.
Un, dous, tres! Probando! Nunca Máis!

quarta-feira, 28 de novembro de 2012

Jornada pola Dignidade


O Colectivo Cultural Buril organiza umha Jornada pola Dignidade para o próximo sábado, 1 de dezembro, na praça de Abastos de Burela, a partir das 19:00 horas. A jornada começará com um Magusto Popular, onde se repartirám castanhas assadas de graça a todas as pessoas assistentes. Às 22:00 horas, lera-se um manifesto simultáneo e às 22:30 horas, dará começo o Des-Concerto Expansivo a cargo das bandas Marosa Jazz Project, Medio Quinhón, Skohlma e The Broken Revenge. Os concertos serám de balde e serviram-se bebidas a preços populares.

Com esta actividade, o Buril quer somar-se ao Des-Concerto Expansivo programado pola plataforma socio-cultural Burla Negra, coincidindo com o 10º aniversário da Marea da Dignidade que enchia as ruas de Compostela o 1 de dezembro de 2002, para protestar ante a incompetência das pessoas responsáveis pola nefesta gestom na catástrofe ecológica do petroleiro Prestige nas costas galegas.

Dez anos depois, quer-se rememorar o célebre Concerto Expansivo que tinha lugar o 1 de Fevereiro de 2003, no que se celebrarom mais de 150 actuaçons musicais, teatrais, plásticas e audio-visuais simultáneas por toda a Galiza. Tal como informa a Burla Negra desde o seu web, trata-se de umha iniciativa aberta a toda formaçom musical, teatral ou artística em regime de auto-organizaçom e a todas as salas, bares, espaços, colectivos... que se queiram somar.

quinta-feira, 25 de outubro de 2012

Nostrum Cai Teatro apresenta Radio Universo

A próxima fin de semana chega ao seu fin a programación teatral de outono organizada polo Colectivo Cultural Buril. A cita teatral terá lugar o sábado 27 de outubro ás 20h no Auditorio da Casa de Cultura de Burela co espectáculo "Radio Universo" representado por Nostrum Cai Teatro.



A compañía Nostrum Cai tén unha traxectoria de máis de dez anos no panorama teatral galego e tén realizado numerosos espectáculos de danza e teatro. A compañía está formada por seis intérpretes baixo a dirección de Lola Fernández."Radio Universo" é un guión de teatro radiofónico creado polo Grupo Chévere e adaptada para a representación por Nostrum Cai Teatro.                                             

Sinopse de "Radio Universo"
Século XXV. Galicia é o único país do planeta onde os niveis de clonación alcanzan a perfección máis alá do clon número 200 da mesma persoa. A industria da clonación creceu arredor dos experimentos realizados na figura do Primeiro Presidente. Unha estirpe de clons do Primeiro gobernan o país dende o século XXI. Mentres se resolvían os últimos casos do moco de pavo nas granxas de Cloren, comezou a tomar forma un novo perigo: a morriña, enfermidade que ataca fatalmente aos galegos dentro da súa propia terra. Ante tal situación CLONTINENTE, a empresa creada polo Primeiro Presidente, anuncia un plan de choque para solucionar o problema, O PLAN LEDICIA: “enviaremos unha misión tripulada a bordo do cruceiro interestelar LALÍN 2000 para demostrar que o universo é curvo”.
RADIO UNIVERSO, a emisora galega no espacio exterior, con MariCastaña e SuperCarballeira, é a encargada de facer o seguimento da travesía do Cruceiro Interestelar.

A representación desta obra enmárcase dentro do programa Buxiganga, organizado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que busca promover o teatro a nivel municipal e dar pulo aos pequenos grupos teatrais.

segunda-feira, 1 de outubro de 2012

XIII XORNADAS DE TEATRO






iLalelo. Carlos Blanco & Budiño DJ

Humor2.0
Retranca para o séculoXXI
Os monólogos de CARLOS BLANCO atopan acubillo e transfórmanse en hip-hop hipnótico nas bases de BUDiÑO DJ
Dúas figuras da escena galega UNEN AS SUAS FORZAS!!

iLalelo!

Falando de redes sociais...
de redeiras cibernéticas,
De poemas imposibles.
Facendo participar ao público de salas e festas.
Con risas garantidas polo humor intelixente de CARLOS BLANCO.
Coa calidade musical de BUDIÑO DJ
(aportando tamén a súa música en directo).

iLalelo!

Un espectáculo chamado a mover masas.
A exportar o Galicia Calidade polo mundo.
Un show diferente a todos.
Fresco, valente, vivo...

Para non perdelo!

iLalelo!

Porque estamos no mundo....

iLalelo - carlos blanco & budiño Dj
facebook/ilalelotour


CHEBRÉVERE. O bo se breve dúas veces chévere

En escea: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron. Músicos ao vivo: Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián

No 2012 o grupo de teatro Chévere cumpre 25 anos de actividade escénica. En tal data a compañía non podía deixar de visitar Burela, pois esta vila foi unha das primeiras en confiar no seu talante teatral e aquí atoparon un dos seus primeiros públicos cómplices. Foi no desaparecido Cine Mon, alá polo final dos anos oitenta, convidados polo C.C. Buril, cando Chévere presentou a súa versión escénica dos míticos superheroes, "O mal non acouga". Un título premonitorio do que sería a historia de Galiza e, por extensión, do resto do mundo nestas últimas dúas décadas. Tempo no que os Chévere tiveron que aprender a facer teatro de verdade para subsistir. Mellor ou peor, o feito é que chegaron ata aquí mantendo a súa independencia, deixando no camiño decenas de espectáculos, centos de actuacións e nada menos que 20 anos de actividade na Sala Nasa. Como nunha pequena festa de cumpreanos e como agasallo da compañía a todo o público de Burela e da Mariña, Chévere ofrecerá unha escolma de pezas breves extraíadas do seu repertorio clásico e recente. Sketches, cancións, personaxes e historias feitas a pé de escenario que retratan o xeito de entender o humor, o amor e os odios destes cómicos incansables que son os Chévere.


Vacacións no mar

Vacacións no Mar é un espectáculo de títeres de luva, no que se conxuga o tradicional estilo da cachiporra, tan eficaz dramáticamente, cuns caracteres e uns aconteceres renovados para o público de hoxe en día.

Tanto as escenografías como os mecanismos e os bonecos son pezas únicas, deseñados e creados no obradoiro artesán de Mircromina. Este espírito artesanal chega ata a música do espectáculo: parte dela foi creada específicamente para o espectáculo por Falsario, artista que traballa en exclusiva para a Compañía; en canto ó resto, é unha selección de músicas libres, orixinais de Rymsky-Korsakov unhas e temas populares interpretados pola formación lucense Kivitka as demáis.

Deste xeito, cun sinxelo e eficaz guión, unhas personaxes de marcadas personalidades e un ritmo trepidante, Mircromina fai a sua contribución á renovación deste xénero dramático e ó desfrute das almas nenas.

Sinopse
A Mariña encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega a porto no seu veleiro “Ovos con patacas”... pero nun descuido o pirata Ollo Virollo toma prestada a nave e faise ao mar. Tras 45 min de acción ¿Cumprirá Mariña o seu soño de dar a volta ao planeta?

Xénero: 
 Comedia
Autor:
 Ton Arenas
Dirección:
 Ton Arenas y Zoila Gulín
Música:
Rymsky-Korsakov, Kivitka e Notton Falsario
Deseño e construción:
 Ton Arenas
Público:
 Familiar
Duración:
 45 min.