quarta-feira, 28 de novembro de 2012

Jornada pola Dignidade


O Colectivo Cultural Buril organiza umha Jornada pola Dignidade para o próximo sábado, 1 de dezembro, na praça de Abastos de Burela, a partir das 19:00 horas. A jornada começará com um Magusto Popular, onde se repartirám castanhas assadas de graça a todas as pessoas assistentes. Às 22:00 horas, lera-se um manifesto simultáneo e às 22:30 horas, dará começo o Des-Concerto Expansivo a cargo das bandas Marosa Jazz Project, Medio Quinhón, Skohlma e The Broken Revenge. Os concertos serám de balde e serviram-se bebidas a preços populares.

Com esta actividade, o Buril quer somar-se ao Des-Concerto Expansivo programado pola plataforma socio-cultural Burla Negra, coincidindo com o 10º aniversário da Marea da Dignidade que enchia as ruas de Compostela o 1 de dezembro de 2002, para protestar ante a incompetência das pessoas responsáveis pola nefesta gestom na catástrofe ecológica do petroleiro Prestige nas costas galegas.

Dez anos depois, quer-se rememorar o célebre Concerto Expansivo que tinha lugar o 1 de Fevereiro de 2003, no que se celebrarom mais de 150 actuaçons musicais, teatrais, plásticas e audio-visuais simultáneas por toda a Galiza. Tal como informa a Burla Negra desde o seu web, trata-se de umha iniciativa aberta a toda formaçom musical, teatral ou artística em regime de auto-organizaçom e a todas as salas, bares, espaços, colectivos... que se queiram somar.

quinta-feira, 25 de outubro de 2012

Nostrum Cai Teatro apresenta Radio Universo

A próxima fin de semana chega ao seu fin a programación teatral de outono organizada polo Colectivo Cultural Buril. A cita teatral terá lugar o sábado 27 de outubro ás 20h no Auditorio da Casa de Cultura de Burela co espectáculo "Radio Universo" representado por Nostrum Cai Teatro.



A compañía Nostrum Cai tén unha traxectoria de máis de dez anos no panorama teatral galego e tén realizado numerosos espectáculos de danza e teatro. A compañía está formada por seis intérpretes baixo a dirección de Lola Fernández."Radio Universo" é un guión de teatro radiofónico creado polo Grupo Chévere e adaptada para a representación por Nostrum Cai Teatro.                                             

Sinopse de "Radio Universo"
Século XXV. Galicia é o único país do planeta onde os niveis de clonación alcanzan a perfección máis alá do clon número 200 da mesma persoa. A industria da clonación creceu arredor dos experimentos realizados na figura do Primeiro Presidente. Unha estirpe de clons do Primeiro gobernan o país dende o século XXI. Mentres se resolvían os últimos casos do moco de pavo nas granxas de Cloren, comezou a tomar forma un novo perigo: a morriña, enfermidade que ataca fatalmente aos galegos dentro da súa propia terra. Ante tal situación CLONTINENTE, a empresa creada polo Primeiro Presidente, anuncia un plan de choque para solucionar o problema, O PLAN LEDICIA: “enviaremos unha misión tripulada a bordo do cruceiro interestelar LALÍN 2000 para demostrar que o universo é curvo”.
RADIO UNIVERSO, a emisora galega no espacio exterior, con MariCastaña e SuperCarballeira, é a encargada de facer o seguimento da travesía do Cruceiro Interestelar.

A representación desta obra enmárcase dentro do programa Buxiganga, organizado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que busca promover o teatro a nivel municipal e dar pulo aos pequenos grupos teatrais.

segunda-feira, 1 de outubro de 2012

XIII XORNADAS DE TEATRO






iLalelo. Carlos Blanco & Budiño DJ

Humor2.0
Retranca para o séculoXXI
Os monólogos de CARLOS BLANCO atopan acubillo e transfórmanse en hip-hop hipnótico nas bases de BUDiÑO DJ
Dúas figuras da escena galega UNEN AS SUAS FORZAS!!

iLalelo!

Falando de redes sociais...
de redeiras cibernéticas,
De poemas imposibles.
Facendo participar ao público de salas e festas.
Con risas garantidas polo humor intelixente de CARLOS BLANCO.
Coa calidade musical de BUDIÑO DJ
(aportando tamén a súa música en directo).

iLalelo!

Un espectáculo chamado a mover masas.
A exportar o Galicia Calidade polo mundo.
Un show diferente a todos.
Fresco, valente, vivo...

Para non perdelo!

iLalelo!

Porque estamos no mundo....

iLalelo - carlos blanco & budiño Dj
facebook/ilalelotour


CHEBRÉVERE. O bo se breve dúas veces chévere

En escea: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron. Músicos ao vivo: Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián

No 2012 o grupo de teatro Chévere cumpre 25 anos de actividade escénica. En tal data a compañía non podía deixar de visitar Burela, pois esta vila foi unha das primeiras en confiar no seu talante teatral e aquí atoparon un dos seus primeiros públicos cómplices. Foi no desaparecido Cine Mon, alá polo final dos anos oitenta, convidados polo C.C. Buril, cando Chévere presentou a súa versión escénica dos míticos superheroes, "O mal non acouga". Un título premonitorio do que sería a historia de Galiza e, por extensión, do resto do mundo nestas últimas dúas décadas. Tempo no que os Chévere tiveron que aprender a facer teatro de verdade para subsistir. Mellor ou peor, o feito é que chegaron ata aquí mantendo a súa independencia, deixando no camiño decenas de espectáculos, centos de actuacións e nada menos que 20 anos de actividade na Sala Nasa. Como nunha pequena festa de cumpreanos e como agasallo da compañía a todo o público de Burela e da Mariña, Chévere ofrecerá unha escolma de pezas breves extraíadas do seu repertorio clásico e recente. Sketches, cancións, personaxes e historias feitas a pé de escenario que retratan o xeito de entender o humor, o amor e os odios destes cómicos incansables que son os Chévere.


Vacacións no mar

Vacacións no Mar é un espectáculo de títeres de luva, no que se conxuga o tradicional estilo da cachiporra, tan eficaz dramáticamente, cuns caracteres e uns aconteceres renovados para o público de hoxe en día.

Tanto as escenografías como os mecanismos e os bonecos son pezas únicas, deseñados e creados no obradoiro artesán de Mircromina. Este espírito artesanal chega ata a música do espectáculo: parte dela foi creada específicamente para o espectáculo por Falsario, artista que traballa en exclusiva para a Compañía; en canto ó resto, é unha selección de músicas libres, orixinais de Rymsky-Korsakov unhas e temas populares interpretados pola formación lucense Kivitka as demáis.

Deste xeito, cun sinxelo e eficaz guión, unhas personaxes de marcadas personalidades e un ritmo trepidante, Mircromina fai a sua contribución á renovación deste xénero dramático e ó desfrute das almas nenas.

Sinopse
A Mariña encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega a porto no seu veleiro “Ovos con patacas”... pero nun descuido o pirata Ollo Virollo toma prestada a nave e faise ao mar. Tras 45 min de acción ¿Cumprirá Mariña o seu soño de dar a volta ao planeta?

Xénero: 
 Comedia
Autor:
 Ton Arenas
Dirección:
 Ton Arenas y Zoila Gulín
Música:
Rymsky-Korsakov, Kivitka e Notton Falsario
Deseño e construción:
 Ton Arenas
Público:
 Familiar
Duración:
 45 min.


quinta-feira, 27 de setembro de 2012

O Buril apresenta as XIII Xornadas de Teatro





XIII Xornadas 


de teatro









4, 5 e 6 de outubro



Auditório municipal


Burela 2012



Xoves 4 ás 21h30
iLalelo
Carlos Blanco & Budiño DJ

Venres 5 ás 21h30
Chebrévere. O bo se breve, dúas veces chévere
Grupo Chévere

Sábado 6 ás 18h00
Vacacións no mar
Mircromina Títeres





XIII XORNADAS DE TEATRO.
O RENACER DUNHAS XORNADAS DE TEATRO HISTÓRICAS.

As Xornadas de Teatro de Burela foron organizadas polo Colectivo Cultural Buril desde o ano 1987 ata o ano 1998. En total, foron doce edicións celebradas anualmente de forma ininterrompida, tendo lugar as cinco primeiras edicións no hoxe desparecido Cine Mon e as sete edicións restantes no Auditorio Municipal. Nas primeiras edicións, as xornadas incluían unha oferta diversa na que tiñan cabida desde compañías de teatro infantil e teatro afeccionado (Tanxerina, Barriga Verde... ou os grupos teatrais da A.C. Amado Lar de Ferreia do Valadouro, o grupo Ártabro Teatro da agrupación cultural Lumieira ou o propio grupo de teatro do C.C. Buril) ate compañías profesionais, entre as que encontramos a Teatro de Ningures, Sarabela, Teatro do Morcego, Talía... A partir da VII edición, as xornadas pasaron a ser principalmente unha mostra do teatro profesional galego con obras para o público adulto e infantil. Tamén debemos sinalar que dentro destas xornadas de teatro se organizaban actividades complementares, como o “premio das Letras Galegas” (coa correspondente publicación das obras premiadas), ou conferencias e mesas redondas temáticas sobre distintos aspectos relativos ao mundo do teatro.

As Xornadas de Teatro de Burela organizadas polo Buril, non tiveron continuidade no seu momento por distintos motivos, entre eles os problemas de financiamento, a aparición das programacións culturais promovidas polas institucións e a progresiva desarticulación do tecido asociativo.

Durante os 12 anos en que se celebraron, as Xornadas tiveron unha considerable transcendencia no acontecer cultural de Burela, cun importante número de asistentes ás representacións, contribuíndo á consolidación dun público que demostraba a súa fidelidade ano tras ano. Aínda que por riba da repercusión local e comarcal, hai que sinalar que as Xornadas de Teatro de Burela acadaron unha importante releváncia na escea galega, constituíndo, xunto con outras xornadas como a MIT de Ribadavia, a Mostra de teatro de Cee, o FIOT de Carballo, o FETEGA do Carballiño... un dos espazos referencias na xeografía do teatro galego.

No pasado ano 2011, o Concello de Burela, deixou de formar parte da Rede Galega de Teatros, á que pertenceu durante moitos anos, e que fixo posíbel que as máis importantes compañías teatrais galegas actuaran en Burela. Este feito supoxo a desaparición do teatro profesional da oferta cultural na pasada tempada 2011-2012. Tendo en conta esta circusntancia, e dado que Burela conta cunha importante tradición teatral, desde o Colectivo Cultural Buril consideramos que este ano 2012 é unha boa ocasión para recuperarmos as Xornadas de Teatro de Burela, na que será a XIII edición, dando así continuidade a aquelas xornadas que comezaban alá polo ano 1987 e que facían unha pausa en 1998. Dalgún xeito, e aínda que xa pasaron 14 anos desde as últimas xornadas celebradas, aquelas representacións teatrais aínda seguen ecoando na cabeza de moitas burelás e burelaos.

Comeza o teatro de outono do C.C. Buril



O próximo sábado dará comezo a programación teatral de outono organizada polo Colectivo Cultural Buril, que arrinca coa obra de teatro infantil e familiar Kasi Circo, da compañía Teatro Monart. A cita será ás 18:00 horas na Praza da Mariña de Burela (no Auditorio Municipal se o tempo non acompaña). Música, clown, teatro e títeres son os ingredientes do espectáculo Kasi Circo que está a poñer en escea Teatro Monart en diversos concellos da provincia de Lugo. Este espectáculo forma parte do programa Buxiganga, organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, que busca promover o teatro a nivel municipal, e dar pulo aos pequenos grupos teatrais.

Os días 4, 5 e 6 de outubro terán lugar as XIII Xornadas de Teatro de Burela, nas que contaremos con recoñecidas compañías teatrais galegas. As I Xornadas de Teatro organizadas polo Buril tiñan lugar alá polo ano 1987, celebrándose ininterrompidamente durante doce edicións ate 1998. Desde o C.C. Buril quixemos recuperar aquelas míticas xornadas de teatro que chegaron a ser un referente no panorama teatral galego, dando así continuidade a unha proposta cultural, que 14 anos despois aínda segue a ecoar na cabeza de moitas burelás e burelaos.

A programación teatral de outono do Buril remata o día 27 de outubro, coa representación da obra Radio Universo da compañía Nostrum Cai, tamén dentro dos Circuítos Buxiganga.


Kasi Circo. Sinopse

“A obra Kasi Circo trata a história de dúas personaxes aparentemente correntes, Silvio e Monik, dous limpadores dun circo de fama internacional. Unha mañá calquera, dispostos a emprender de novo os seus rutinários traballos, acontece algo que cambia o rumbo das súas vidas. O león do circo escapou da gaiola e comeu os artistas; ante tal desenlace, os limpadores deciden que o espectáculo debe continuar e co beneplácito do público presente propóñense representar os artistas que tantas veces viron. Aínda que a intención é o que conta, resultan ser bastantes desastrosos nas súas representacións debido á súa evidente falta de formación. Aínda así seguen adiante até o final, final que non deixa indiferente, posto que en realidade todo foi un soño.
A obra, ademais de entreter e rescatar sorrisos entre o público, pretende mandar unha humilde mensaxe cara á posibilidade de facer realidade os soños. Como nos pasou a nós mesmos, primeiro soñamos facer realidade un grupo teatral e finalmente o soño cumpriuse.”

quarta-feira, 19 de setembro de 2012

IV Aberto do Bonito




O próximo sábado 22 de setembro terá lugar en Burela a agardada IV Edición do Aberto do Bonito, organizado polo Colectivo Cultural Buril, e no que se loitará polo prezado bonito do norte, peixe co que serán agasallados os gañadores e gañadoras.

O Aberto de Billarda disputarase a partir das 16h30 na pista deportiva nº 2 do Colexio Vista Alegre e nel participarán varios equipos da comarca no que é a primeira proba puntuábel da tempada 2012-2013 da Conferencia Norleste, organizado pola Liga Nacional de Billarda.
Todas as persoas interesadas están convidadas a participar no Aberto de Billarda, para calquera información poden contactar co Buril no enderezo electrónico ccburil@gmail.com ou no teléfono 616473366. Para participar só é preciso estar media hora antes do inicio do Aberto.

quinta-feira, 2 de agosto de 2012

II Xornadas de História Local


A próxima semana arrincan as II Xornadas de História Local de Burela, organizadas polo Colectivo Cultural Buril, que se desenvolverán entre o 7 e o 9 de agosto, ás 20:30 horas na Sala de Conferencias e na Igrexa da Vila do Medio. Serán tres días dedicados á divulgación de aspectos destacados da história da nosa vila, este ano con especial atención aos movementos migratórios e tamén ao coñecemento do noso património. 

As dúas primeiras sesións consistirán en dúas conferencias. A primeira delas, impartida pola historiadora burelá Herminia Pernas, versará sobre un dos aspectos fundamentais da nosa História e tamén un dos menos coñecios con relación a Burela, a emigración a América. A segunda sesión estará a cargo da antropóloga ribadense afincada en Burela Luzia Oca, que nos fará unha achega á historia da comunidade caboverdiana de Burela desde un ponto de vista histórico-sociolóxico e tamén da súa integración na sociedade burelá. As Xornadas rematarán cunha visita ás pinturas murais da Igrexa da Vila do Medio, a cargo da historiadora da arte burelá Lucía Bouza, quen falará dos aspectos históricos e iconógraficos das pinturas e dará conta do seu estado de conservación.


XORNADAS DE HISTÓRIA LOCAL. 7, 8 e 9 de Agosto. Burela 2012   

  • Martes 7. Sala de Conferencias, 20:30 h. Facer as Américas. A emigración burelá a Ultrama no primeiro terzo do Século XX. Herminia Pernas Oroza.
  • Mércores 8. Sala de Conferencias, 20:30 h. Recuperando a história da comunidade caboverdiana de Burela (1977-2012). Luzia Oca González.
  • Xoves 9. Igrexa da Vila do Medio, 20:30 h. As pinturas murais da igrexa da Vila do Medio. Achega histórico-artística e estado de conservación. Visita guiada a cargo de Lucía Bouza Orosa.