segunda-feira, 1 de outubro de 2012

XIII XORNADAS DE TEATRO






iLalelo. Carlos Blanco & Budiño DJ

Humor2.0
Retranca para o séculoXXI
Os monólogos de CARLOS BLANCO atopan acubillo e transfórmanse en hip-hop hipnótico nas bases de BUDiÑO DJ
Dúas figuras da escena galega UNEN AS SUAS FORZAS!!

iLalelo!

Falando de redes sociais...
de redeiras cibernéticas,
De poemas imposibles.
Facendo participar ao público de salas e festas.
Con risas garantidas polo humor intelixente de CARLOS BLANCO.
Coa calidade musical de BUDIÑO DJ
(aportando tamén a súa música en directo).

iLalelo!

Un espectáculo chamado a mover masas.
A exportar o Galicia Calidade polo mundo.
Un show diferente a todos.
Fresco, valente, vivo...

Para non perdelo!

iLalelo!

Porque estamos no mundo....

iLalelo - carlos blanco & budiño Dj
facebook/ilalelotour


CHEBRÉVERE. O bo se breve dúas veces chévere

En escea: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron. Músicos ao vivo: Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián

No 2012 o grupo de teatro Chévere cumpre 25 anos de actividade escénica. En tal data a compañía non podía deixar de visitar Burela, pois esta vila foi unha das primeiras en confiar no seu talante teatral e aquí atoparon un dos seus primeiros públicos cómplices. Foi no desaparecido Cine Mon, alá polo final dos anos oitenta, convidados polo C.C. Buril, cando Chévere presentou a súa versión escénica dos míticos superheroes, "O mal non acouga". Un título premonitorio do que sería a historia de Galiza e, por extensión, do resto do mundo nestas últimas dúas décadas. Tempo no que os Chévere tiveron que aprender a facer teatro de verdade para subsistir. Mellor ou peor, o feito é que chegaron ata aquí mantendo a súa independencia, deixando no camiño decenas de espectáculos, centos de actuacións e nada menos que 20 anos de actividade na Sala Nasa. Como nunha pequena festa de cumpreanos e como agasallo da compañía a todo o público de Burela e da Mariña, Chévere ofrecerá unha escolma de pezas breves extraíadas do seu repertorio clásico e recente. Sketches, cancións, personaxes e historias feitas a pé de escenario que retratan o xeito de entender o humor, o amor e os odios destes cómicos incansables que son os Chévere.


Vacacións no mar

Vacacións no Mar é un espectáculo de títeres de luva, no que se conxuga o tradicional estilo da cachiporra, tan eficaz dramáticamente, cuns caracteres e uns aconteceres renovados para o público de hoxe en día.

Tanto as escenografías como os mecanismos e os bonecos son pezas únicas, deseñados e creados no obradoiro artesán de Mircromina. Este espírito artesanal chega ata a música do espectáculo: parte dela foi creada específicamente para o espectáculo por Falsario, artista que traballa en exclusiva para a Compañía; en canto ó resto, é unha selección de músicas libres, orixinais de Rymsky-Korsakov unhas e temas populares interpretados pola formación lucense Kivitka as demáis.

Deste xeito, cun sinxelo e eficaz guión, unhas personaxes de marcadas personalidades e un ritmo trepidante, Mircromina fai a sua contribución á renovación deste xénero dramático e ó desfrute das almas nenas.

Sinopse
A Mariña encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega a porto no seu veleiro “Ovos con patacas”... pero nun descuido o pirata Ollo Virollo toma prestada a nave e faise ao mar. Tras 45 min de acción ¿Cumprirá Mariña o seu soño de dar a volta ao planeta?

Xénero: 
 Comedia
Autor:
 Ton Arenas
Dirección:
 Ton Arenas y Zoila Gulín
Música:
Rymsky-Korsakov, Kivitka e Notton Falsario
Deseño e construción:
 Ton Arenas
Público:
 Familiar
Duración:
 45 min.


quinta-feira, 27 de setembro de 2012

O Buril apresenta as XIII Xornadas de Teatro





XIII Xornadas 


de teatro









4, 5 e 6 de outubro



Auditório municipal


Burela 2012



Xoves 4 ás 21h30
iLalelo
Carlos Blanco & Budiño DJ

Venres 5 ás 21h30
Chebrévere. O bo se breve, dúas veces chévere
Grupo Chévere

Sábado 6 ás 18h00
Vacacións no mar
Mircromina Títeres





XIII XORNADAS DE TEATRO.
O RENACER DUNHAS XORNADAS DE TEATRO HISTÓRICAS.

As Xornadas de Teatro de Burela foron organizadas polo Colectivo Cultural Buril desde o ano 1987 ata o ano 1998. En total, foron doce edicións celebradas anualmente de forma ininterrompida, tendo lugar as cinco primeiras edicións no hoxe desparecido Cine Mon e as sete edicións restantes no Auditorio Municipal. Nas primeiras edicións, as xornadas incluían unha oferta diversa na que tiñan cabida desde compañías de teatro infantil e teatro afeccionado (Tanxerina, Barriga Verde... ou os grupos teatrais da A.C. Amado Lar de Ferreia do Valadouro, o grupo Ártabro Teatro da agrupación cultural Lumieira ou o propio grupo de teatro do C.C. Buril) ate compañías profesionais, entre as que encontramos a Teatro de Ningures, Sarabela, Teatro do Morcego, Talía... A partir da VII edición, as xornadas pasaron a ser principalmente unha mostra do teatro profesional galego con obras para o público adulto e infantil. Tamén debemos sinalar que dentro destas xornadas de teatro se organizaban actividades complementares, como o “premio das Letras Galegas” (coa correspondente publicación das obras premiadas), ou conferencias e mesas redondas temáticas sobre distintos aspectos relativos ao mundo do teatro.

As Xornadas de Teatro de Burela organizadas polo Buril, non tiveron continuidade no seu momento por distintos motivos, entre eles os problemas de financiamento, a aparición das programacións culturais promovidas polas institucións e a progresiva desarticulación do tecido asociativo.

Durante os 12 anos en que se celebraron, as Xornadas tiveron unha considerable transcendencia no acontecer cultural de Burela, cun importante número de asistentes ás representacións, contribuíndo á consolidación dun público que demostraba a súa fidelidade ano tras ano. Aínda que por riba da repercusión local e comarcal, hai que sinalar que as Xornadas de Teatro de Burela acadaron unha importante releváncia na escea galega, constituíndo, xunto con outras xornadas como a MIT de Ribadavia, a Mostra de teatro de Cee, o FIOT de Carballo, o FETEGA do Carballiño... un dos espazos referencias na xeografía do teatro galego.

No pasado ano 2011, o Concello de Burela, deixou de formar parte da Rede Galega de Teatros, á que pertenceu durante moitos anos, e que fixo posíbel que as máis importantes compañías teatrais galegas actuaran en Burela. Este feito supoxo a desaparición do teatro profesional da oferta cultural na pasada tempada 2011-2012. Tendo en conta esta circusntancia, e dado que Burela conta cunha importante tradición teatral, desde o Colectivo Cultural Buril consideramos que este ano 2012 é unha boa ocasión para recuperarmos as Xornadas de Teatro de Burela, na que será a XIII edición, dando así continuidade a aquelas xornadas que comezaban alá polo ano 1987 e que facían unha pausa en 1998. Dalgún xeito, e aínda que xa pasaron 14 anos desde as últimas xornadas celebradas, aquelas representacións teatrais aínda seguen ecoando na cabeza de moitas burelás e burelaos.

Comeza o teatro de outono do C.C. Buril



O próximo sábado dará comezo a programación teatral de outono organizada polo Colectivo Cultural Buril, que arrinca coa obra de teatro infantil e familiar Kasi Circo, da compañía Teatro Monart. A cita será ás 18:00 horas na Praza da Mariña de Burela (no Auditorio Municipal se o tempo non acompaña). Música, clown, teatro e títeres son os ingredientes do espectáculo Kasi Circo que está a poñer en escea Teatro Monart en diversos concellos da provincia de Lugo. Este espectáculo forma parte do programa Buxiganga, organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, que busca promover o teatro a nivel municipal, e dar pulo aos pequenos grupos teatrais.

Os días 4, 5 e 6 de outubro terán lugar as XIII Xornadas de Teatro de Burela, nas que contaremos con recoñecidas compañías teatrais galegas. As I Xornadas de Teatro organizadas polo Buril tiñan lugar alá polo ano 1987, celebrándose ininterrompidamente durante doce edicións ate 1998. Desde o C.C. Buril quixemos recuperar aquelas míticas xornadas de teatro que chegaron a ser un referente no panorama teatral galego, dando así continuidade a unha proposta cultural, que 14 anos despois aínda segue a ecoar na cabeza de moitas burelás e burelaos.

A programación teatral de outono do Buril remata o día 27 de outubro, coa representación da obra Radio Universo da compañía Nostrum Cai, tamén dentro dos Circuítos Buxiganga.


Kasi Circo. Sinopse

“A obra Kasi Circo trata a história de dúas personaxes aparentemente correntes, Silvio e Monik, dous limpadores dun circo de fama internacional. Unha mañá calquera, dispostos a emprender de novo os seus rutinários traballos, acontece algo que cambia o rumbo das súas vidas. O león do circo escapou da gaiola e comeu os artistas; ante tal desenlace, os limpadores deciden que o espectáculo debe continuar e co beneplácito do público presente propóñense representar os artistas que tantas veces viron. Aínda que a intención é o que conta, resultan ser bastantes desastrosos nas súas representacións debido á súa evidente falta de formación. Aínda así seguen adiante até o final, final que non deixa indiferente, posto que en realidade todo foi un soño.
A obra, ademais de entreter e rescatar sorrisos entre o público, pretende mandar unha humilde mensaxe cara á posibilidade de facer realidade os soños. Como nos pasou a nós mesmos, primeiro soñamos facer realidade un grupo teatral e finalmente o soño cumpriuse.”

quarta-feira, 19 de setembro de 2012

IV Aberto do Bonito




O próximo sábado 22 de setembro terá lugar en Burela a agardada IV Edición do Aberto do Bonito, organizado polo Colectivo Cultural Buril, e no que se loitará polo prezado bonito do norte, peixe co que serán agasallados os gañadores e gañadoras.

O Aberto de Billarda disputarase a partir das 16h30 na pista deportiva nº 2 do Colexio Vista Alegre e nel participarán varios equipos da comarca no que é a primeira proba puntuábel da tempada 2012-2013 da Conferencia Norleste, organizado pola Liga Nacional de Billarda.
Todas as persoas interesadas están convidadas a participar no Aberto de Billarda, para calquera información poden contactar co Buril no enderezo electrónico ccburil@gmail.com ou no teléfono 616473366. Para participar só é preciso estar media hora antes do inicio do Aberto.

quinta-feira, 2 de agosto de 2012

II Xornadas de História Local


A próxima semana arrincan as II Xornadas de História Local de Burela, organizadas polo Colectivo Cultural Buril, que se desenvolverán entre o 7 e o 9 de agosto, ás 20:30 horas na Sala de Conferencias e na Igrexa da Vila do Medio. Serán tres días dedicados á divulgación de aspectos destacados da história da nosa vila, este ano con especial atención aos movementos migratórios e tamén ao coñecemento do noso património. 

As dúas primeiras sesións consistirán en dúas conferencias. A primeira delas, impartida pola historiadora burelá Herminia Pernas, versará sobre un dos aspectos fundamentais da nosa História e tamén un dos menos coñecios con relación a Burela, a emigración a América. A segunda sesión estará a cargo da antropóloga ribadense afincada en Burela Luzia Oca, que nos fará unha achega á historia da comunidade caboverdiana de Burela desde un ponto de vista histórico-sociolóxico e tamén da súa integración na sociedade burelá. As Xornadas rematarán cunha visita ás pinturas murais da Igrexa da Vila do Medio, a cargo da historiadora da arte burelá Lucía Bouza, quen falará dos aspectos históricos e iconógraficos das pinturas e dará conta do seu estado de conservación.


XORNADAS DE HISTÓRIA LOCAL. 7, 8 e 9 de Agosto. Burela 2012   

  • Martes 7. Sala de Conferencias, 20:30 h. Facer as Américas. A emigración burelá a Ultrama no primeiro terzo do Século XX. Herminia Pernas Oroza.
  • Mércores 8. Sala de Conferencias, 20:30 h. Recuperando a história da comunidade caboverdiana de Burela (1977-2012). Luzia Oca González.
  • Xoves 9. Igrexa da Vila do Medio, 20:30 h. As pinturas murais da igrexa da Vila do Medio. Achega histórico-artística e estado de conservación. Visita guiada a cargo de Lucía Bouza Orosa.

sexta-feira, 8 de junho de 2012

O Buril participou na limpeza simultánea de praias polo Dia mundial dos Oceanos


O Colectivo Cultural Buril vem de participar na limpeza de praias que se realizou de jeito simultáneo na costa galega esta sexta-feira, 8 de Junho, coincidindo com o dia mundial dos Oceanos. 

Nesta actividade, coordenada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, participarom mais de 20 entidades de todo o País, entre as que se encontravam distintos colectivos da Marinha.

O Buril, coincidindo com esta data, realizou a limpeza do coído do Perdouro, debido ao alto interesse que tem este espaço polo seu valor natural, geológico e paisagístico. No total apanharom-se por volta dos 200 kg. em só 3 horas, dos quais a maior parte eram produtos plásticos. A limpeza foi realizada de jeito manual e selectivo, sem a utilizaçom de maquinária pesada e tendo especial cuidado com a fauna e a flora existentes, seguindo em todo o momento um protocolo de actuaçom facilitado pola ADEGA.

Ainda que já tínhamos a suspeita de que havia umha grande quantidade de lixo, ficamos realmente surpreendid@s com o estado em que se acha este espaço natural, que está convertido num auténtico vertedoiro ao que vam chegando todo o tipo de resíduos. Também temos que lamentar que nom nos foi possível retirar todo o lixo existente devido à sua quantidade e ao difícil aceso que apresenta esta zona. Calculamos que só no Perdouro ficam aproximadamente 10 vezes mais a quantidade do lixo retirado, sem contarmos outros espaços próximos como o Cantinho ou o Berbês. Lamentamos o penoso estado no que se acha o nosso mar e a nossa costa e aguardamos que os principais agentes contaminantes e a sociedade em geral tome consciência da gravidade do problema, ao tempo que demandamos que as autoridades competentes tomem as medidas precisas para manterem limpas as nossas costas.


quarta-feira, 9 de maio de 2012

Crónica do Maratom de Leitura

Este martes, terça-feira, celebrou-se em Burela o Maratom de Leitura, organizado polo colectivo cultural Buril, ao que assistiu um grande número de pessoas.


De manhá foi o turno dos centros de ensino da vila. O Maratom começou com o I.E.S. Monte Castelo, que deu leitura a poemas do livro Onde o mundo se chama Celenova, de Celso Emilio Ferreiro, poeta do que este ano se comemora o centenário do seu nascimento. A seguir, forom @s nen@s do C.E.I.P. Vista Alegre @s que lerom textos de distintos autores e autoras: Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández Serrano, Contos para nenos que dormen deseguido, de Pinto & Chinto, poemas d'Os soños na gaiola, de Manuel María, Un pantasma no colexio, de Manuel Lourenzo, O león e o paxaro rebelde, de Bernardino Graña, Campanas de Bastabales, de Rosalía de Castro, O País dos mandóns, de Paloma Rodríguez... A sessom da manhá finalizava com a leitura de trechos de Nunha noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, a cargo dos rapazes e raparigas do I.E.S. O Perdouro.


Já na tarde, pudemos escuitar a pessoas de distintos colectivos, clubes desportivos, clube de leitura e pessoas que participarom a título individual. 

Começarom a ler as raparigas e os rapazes do CD Futbol Sala Burela que escolherom textos de Carlos Casares, Adela Figueroa (Vento de amor ao mar), Antoine de Saint-Exupéry e Roald Dahl. A seguir, participantes da Fundación Eu Son leron a Darío Xohán Cabana, Manolo Rivas, Neira Vilas... Outros colectivos que assistirom a esta cita forom a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental, com o Principiño, a SCR Ledicia com As Bruxas de Roald Dahl, a Coral Polifónica, a Asociación Camiña, con Carta de Inverno, de Agustín Fernández Paz, Asociación Mariña Jazz, com a Revolta dos animais de G. Orwell, Asociación de Amigas e Amigos de Banda que derom leitura a um artigo de Hernán Naval sobre as escolas e bandas de música, o Observatorio da Mariña pola Igualdade, com um artigo da feminista Coroa González, a Asociación Vagalume e o Clube de Lectura, com textos de Antón Riveiro Coello, Ánxel Fole, Rosalía de Castro e Vicente Risco, o Clube de Baloncesto Burela, com textos sobre a história do basquetebol, Galiza Nova Burela com textos de Cousas de Castelao e poemas de C.E. Ferreiro, e o próprio colectivo cultural Buril, com textos do poémario Fardel de Esiliado, de Luís Seoane, Sempre en Galiza, de Castelao e Longa Noite de Pedra, de Celso Emílio Ferreiro. 

Entre as distintas pessoas que participarom a título individual estiverom Cándida Pico, com Tesouros Novos e Vello de Álavaro Cunqueiro, Neves Cando, com O Club da Calceta, de María Reimóndez, José Maseda, com um artigo de Vilar Ponte, María Carme Panizo, com Os Dous de Sempre, Emilio Legaspi com o Meu Carriño de Ramón Cabanillas, Lucía Bouza, com Ou Outros Feirantes, de Álvaro Cunqueiro...

Desce o colectivo cultural Buril queremos agradecer a todas e todos os participantes pola sua assistência a este Maratom de Leitura e destacar a alta participaçom, que superou as 100 pessoas e que nos anima a celebrar o próximo ano um novo Maratom de Leitura.